Como todas as mañás dos xoves, de 8,30 a 9,30 participei no faladoiro de Radio Voz que modera Antía Díaz e na que tres deputados galegos falamos sobre temas de actualidade.
O déficit público e as medidas para corrixilo foi obxecto das nosas reflexións.
Recordei os serios problemas económicos e sociais que ten Europa, entre eles os 23 millóns de persoas paradas dos que máis de cinco están en España. E que as políticas de austeridade serviron para atenuar a crise do euro. E que na reunión de xefes de Estado e de Goberno que empeza hoxe consagrarase a austeridade nos tratados.
Manifestei que sen prexuízo diso sería moi conveniente unha flexibilización dos prazos para alcanzar os obxectivos do déficit.
Tamén falei do lamentable dato de que no pasado exercicio 2011 o desequilibrio das contas públicas foi superior en 2,51 puntos porcentuais ao obxectivo de consolidación fiscal comprometido do 6% do PIB. E que todas as Administracións Públicas acabaron o ano en números vermellos. Así o 60% do déficit total de 26.500 millóns débese á herdanza socialista na administración central e que ás Comunidades Autónomas hai que atribuírlles o 34,52 %.
Lembrei a importancia que ten o feito de que Galicia fora a segunda comunidade autónoma que rexistrou no pasado exercicio un menor déficit público, cun 1,61% do PIB, case a metade do rexistrado de media polo conxunto das autonomías, que se elevou ao 2,94%.
Tamén abordamos a cuestión apuntada pola Vicepresidenta Sáenz de Santamaría no Senado hai uns días, sobre que actualmente existen 2.381 empresas públicas, 613 fundacións e 1.029 consorcios, e do plan para dedimesionalas cunha redución inicial do 20 %. E falei da necesidade de reducir os gastos e do plan para a reordenación do patrimonio público xa que o Estado conta con máis de 55.000 bens inmobles e a pesar diso gástase 100 millóns de euros ao ano en alugueres, deixando edificios públicos sen utilizar por valor de 500 millóns de euros o que evidencia un dispendio dos últimos anos, que é necesario corrixir.
Por certo que tiven que explicar o siginficado desta palabra, que según o diccionario da RAE é: 1. Gasto, polo xeral excesivo e innecesario 2. Uso ou emprego excesivo de facenda, tempo ou calquera caudal.