Hoxe pola mañá mentres viaxaba en coche a Madrid tiven a oportunidade de escoitar pola Radio Galega o discurso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo que abría o Debate sobre o Estado da Autonomía. Unha seria e exhaustiva intervención da que cabe destacar o seguinte:
DICIR A VERDADE E XESTIONAR CON REALISMO
• Sinalou que Galicia é unha comunidade cunhas contas estables e controladas, cunha taxa de paro 4,6 puntos inferior a España, con mellores perspectivas da evolución da súa economía e que paga aos seus provedores no menor prazo, pero “nin aceptamos a situación que viven os galegos nin nos consola nin nos conformamos con que a situación de Galicia sexa mellor que o conxunto de España”
• Precisou que Galicia manterá en 2012 a taxa de paro por debaixo da media nacional, ten unha mellor previsión de evolución do PIB, non terá que facer novos axustes e seguirá sendo unha das comunidades máis solventes.
• Garantiu que seguirá indo “coa verdade por diante” porque “restablecer a confianza é imprescindible para que a verdade se transforme nunha maior esperanza para os cidadáns.
MÁIS SOLVENCIA
• Destacou que Galicia ten case a metade de déficit que a media de todas as autonomías, cinco veces menos que o total de España, e a metade do déficit da zona euro.
• Recordou que Galicia foi precursora en darse conta da importancia de controlar o déficit e de regular por lei a disciplina presupostaria.
• Subliñou que a Xunta é a administración que paga as facturas aos provedores nun período máis reducido e mantén o compromiso de aboalas nun prazo medio de 45 días.
MÁIS POLÍTICA SOCIAL
• Dixo que “rotundamente si” é posible incrementar os servizos públicos porque Galicia conta hoxe con 5.500 prazas públicas de residencias e escolas infantís, o triplo de dependentes atendidos, máis ordenadores e idiomas no ensino público, máis infraestruturas sanitarias ou máis perceptores da RISGA.
• Ademais da Lei inédita para garantir prazos máximos de espera, comprométese a continuar o impulso ás infraestruturas sanitarias hospitalarias ou a incrementar o apoio ás persoas con máis dificultades cunha nova Lei de Inclusión.
• Garantiu tamén 2.000 novas prazas públicas en escolas infantís e case 1.000 en residencias públicas así como incrementar os es colares beneficiados polo Plan Abalar e o Plan de Plurilingüismo e unha Lei de Universidades.
MÁIS RESPONSABILIDADE
• Austeridade: Recordou que Galicia ten un goberno un 40% máis reducido, coa metade de altos cargos ou cun 90% menos de coches oficiais, e anunciou o inicio dos trámites para rebaixar o soldo dos directivos e dos membros dos consellos de administración dos entes públicos, que se suma ao acordo coa Fegamp para presentar unha táboa de retribucións no ámbito local.
• Racionalización: Detallou que a Xunta está reducindo á metade a Administración paralela e propón a supresión de todos os vicevaledores da institución autonómica do Valedor do Pobo, a supresión do Tribunal Galego da Competencia e a súa integración no Instituto Galego de Consumo e a supresión do Consello Económico e Social e a súa integración no Consello de Relacións Laborais.
• Eficiencia: Destacou o aforro de 102 millóns logrado sen afectar á prestación co catálogo de medicamentos e marcou como obxectivos reducir nun 7% máis o gasto farmacéutico e impulsar unha plataforma loxística para xeneralizar a compra centralizada no eido sanitario.
MÁIS APOIO AOS SECTORES PRODUTIVOS
• Resaltou que esta é a lexislatura na que máis incentivos, en forma de avais e préstamos, se están a dar aos emprendedores en Galicia.
• Subliñou os avances logrados nos últimos meses respecto ao naval son máis que nos catro anos anteriores e garante seguir impulsando as negociacións do Goberno central con Bruxelas para pactar un novo modelo fiscal e lograr carga de traballo para a ría de Ferrol.
• Puxo de manifesto que Galicia resistiu á primeira reestruturación do sistema financeiro e ve posible “seguir en pé” na segunda, e comprometeu o apoio da Xunta aos actuais profesionais se logran capitalizarse e cumpren coa función de dar crédito ás familias e aos emprendedores galegos.
• Anunciou que se instaurará o modelo de ‘licenzas expréss”, que simplificará trámites e eliminará trabas ás persoas que queiran abrir un comercio.
• Respaldou a iniciativa do Consello da Cultura Galega de dignificar o Panteón de Galicia e propón impulsala mediante unha Lei consensuada polos tres grupos parlamentarios.
MÁIS INNOVACIÓN E INTERNACIONALIZACIÓN
• Ve prioritario profundar na aposta pola innovación e anuncia neste senso a posta en funcionamento nos próximos días da nova Axencia de Innovación e a remisión ao Parlamento dunha normativa neste eido.
• Destacou os bos resultados da estratexia de internacionalización da Xunta e di que se ampliará con medidas como duplicar a Rede de Xestores de Exportación ou o enfoque económico da axenda exterior da Xunta.
MÁIS PLANIFICACIÓN
• Destacou a aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan do Litoral para pasar a páxina da indefinición urbanística e propuxo completar este proceso cunha nova Lei do Solo.
• Comprométeuse a poñer en servizo 60 novos quilómetros de vías de altas prestacións neste 2012 e reitera a petición de que o Goberno central priorice a alta velocidade galega e as autovías pendentes.
• Subliñou a aposta da Xunta por completar o mapa dixital, que xa ten permitido que 9 de cada dez galegos teñan acceso a Internet e que se reducira dun 20 a un 5 por cento a fenda entre as zonas rurais e urbanas.
• Reiterou que é precisa unha maior cooperación entre concellos e apunta que a Xunta “non obrigará, pero favorecerá e incentivará” as alianzas municipais.
MÁIS PARTICIPACIÓN NO ESTADO DAS AUTONOMÍAS
• “Galicia é escoitada polo que di e polo que fai”, sintetiza, e destaca que medidas tomadas pola Xunta se adoptaran como directrices da recuperación nacional.
• Cre que Galicia está no camiño de “obter as respostas que merece” por parte do Goberno central e pon como exemplo o aprazamento a dez anos da débeda herdada, a intención de retirar o recurso contra o catálogo de fármacos ou a ampliación da Policía Autonómica en 157 novos axentes.
• Anunciou que o próximo xoves manterá unha reunión co presidente do Goberno para abordar as prioridades de Galicia, que “agora si, tamén son as prioridades do Goberno de España”