Reforma dos Organismos Supervisores


Hoxe celebrouse Consello de Ministros e tras a súa finalización a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría informou que foi analizado un informe sobre o Anteproxecto de Lei de reforma dos organismos supervisores.

O obxecto desta norma é crear a Comisión Nacional de Mercados e Competencias, que agrupará as funcións de supervisión dos organismos independentes existentes na actualidade.

A Vicepresidenta recordou que os organismos supervisores son institucións necesarias para salvagardar a competencia e a apertura a novos prestadores de servizos, pero que se observaron duplicidades e contradicións entre os informes dos oito organismos reguladores actuais, o que implica unha desprotección do mercado e dos consumidores.

Así que o que se pretende con esta norma é transformar toda esta pluralidade de organismos reguladores nun único organismo supervisor dos mercados e da competencia, para incrementar a independencia, fortalecer a profesionalidade, gañar en competitividade e en eficiencia.

Avanzou tamén que a futura Comisión Nacional de Mercados e Competencias terá 9 membros, que serán propostos polo Goberno e que pasarán unha entrevista no Congreso, que poderá vetar o seu nomeamento por maioría absoluta.

Ademais asegurou que esta medida de racionalización supón un importante aforro para as arcas públicas, xa que se pasará de 52 conselleiros a 9. Só en soldos e retribucións o aforro supera os 4 millóns de euros.
Con la tecnología de Blogger.