sábado, 18 de febrero de 2012

No Congreso do Partido Popular en Sevilla


Onte comezóu o XVII Congreso Nacional de Sevilla, e participéi no debate da Ponencia Económica no que fun enmendante, chegando a unha transacción das mesmas.

Tras o debate, que se pechou por unanimidade, o relatorio Económico recolle como un dos puntos máis destacados a obrigación do cumprimento do obxectivo de contención do déficit público requirido polas autoridades comunitarias.

REFORMAS FISCAL E LABORAL

O texto tamén insiste en formular unha reforma fiscal que avalíe tanto a adecuación do sistema tributario español aos retos de competitividade, como modernizar o Imposto sobre a Renda co fin de favorecer o aforro, o investimento e o emprego. Tamén propón elevar os mínimos familiares no IRPF cunha mellora de adaptación ás circunstancias dos contribuíntes, así como mellorar o tratamento fiscal dos beneficios da actividade económica que se reinvistan no propio proxecto empresarial.

Noutra orde de cousas, o relatorio expresou o seu respaldo ás medidas adoptadas polo Goberno en materia laboral xa que os relatores entenderon a necesidade de dotar ao marco laboral español dunhas novas regras adaptadas á nova situación económica mundial. Neste sentido, anima ao Goberno a continuar na senda de reformas iniciadas no ámbito laboral, e a incidir naqueles cambios que promovan o mantemento e a creación de emprego ante a grave crise que vive o noso país. O PP entende que os próximos anos deben ser os da incorporación masiva dos mozos ao mercado laboral.

 EMPRENDEDORES

O texto definitivo insiste na idea da necesidade que teñen as economías modernas dunha contorna que favoreza a innovación e o crecemento empresarial, polo que considera imprescindible dotar á empresa en xeral, e ás pemes en particular, dun marco laboral, fiscal, regulatorio e financeiro que facilite a súa adaptación ao cambio.

Por todo iso, propón impulsar unha lei para apoiar aos emprendedores que favoreza as iniciativas empresariais e o desenvolvemento da actividade de pemes e autónomos; substituír autorizacións e licenzas previas sobre a base da presunción do cumprimento normativo; reducir a carga regulatoria e axilizar os trámites de creación de empresas; garantir a unidade do mercado nacional conforme aos principios de lexislación de orixe e licenza única; fomentar os instrumentos de financiamento empresarial alternativa como o capital risco, o capital semente ou a actuación dos denominados business-angels; potenciar os instrumentos públicos de axuda á internacionalización das pemes; e favorecer o esforzo innovador das empresas emerxentes e das pemes que desenvolvan I +D + i.

SECTORES PRODUTIVOS

O texto fai unha especial referencia ao impulso que debe acometerse nos sectores produtivos, como a agricultura, a industria ou o turismo, destacando a especial importancia de conseguir unha fronte común entre todas as comunidades autónomas, que defenda os intereses dos agricultores españois nas negociacións ante a próxima reforma da PAC.

 Así mesmo, apóstase por recuperar o peso da Industria na economía española, a través de plans de competitividade, que permitan unha maior presenza do sector nos mercados exteriores.

 Respecto ao turismo, considérase como un dos motores estratéxicos da recuperación económica, polo que propón, entre outras medidas, coidar os mercados tradicionalmente emisores de turistas ao noso país, mellorar a oferta de aloxamentos e potenciar a marca España como paraugas promocional do turismo.

No ámbito das infraestruturas, o PP defende como eixo prioritario de calquera política de comunicacións a cohesión territorial, a mobilidade cidadá e a competitividade, así como o impulso á implantación da banda ancha e da telefonía móbil de cuarta xeración en todo o territorio nacional

MODELO ENERXÉTICO

Para rematar, o texto final tamén destaca a importancia de deseñar un modelo enerxético máis seguro, máis barato e máis eficiente, sen renunciar a ningún tipo de recurso enerxético, utilizando todas as tecnoloxías dispoñibles e buscando a competitividade da nosa economía.