sábado, 10 de diciembre de 2011

Viaxe inaugural do AVE entre A Coruña e Ourense


Como dicía na anterior entrada, hoxe estiven na Coruña e tiven a honra en participar na primeira viaxe oficial da liña de alta velocidade A Coruña-Santiago-Ourense.

Na estación de San Cristóbal foi descuberta polo ministro de Fomento en funcións, José Blanco en presenza de Alberto Núñez Feijóo, da presidenta do Parlamento Pilar Rojo, do alcalde Carlos Negreira e do ex ministro Francisco Álvarez Cascos, unha placa conmemorativa da inauguración.

Comezou de seguido a viaxe no tren Avant que tivo na capital de Galicia, Santiago a súa primeira parada tras 28 minutos de viaxe para recoller ao alcalde desta cidade Gerardo Conde Roa e a outros invitados e que chegou as 12,08, á estación de Ourense, onde fomos recibidos polo alcalde Francisco Rodríguez.




Tiven a sorte de viaxar os últimos dous quilómetros na cabina do maquinista e presenciar a multitude que esperaba nas plataformas de Ourense-Empalme.


Nunha carpa instalada no exterior tivo lugar un acto que comezou coa proxección do un vídeo sobre esta liña, para a continuación proceder a unha rolda de discursos dos tres alcaldes, comezando polo de Ourense, seguido do da Coruña e logo o de Compostela.

Logo falou o Ministro de Fomento en funcións, José Blanco quen defendeu o AVE a Galicia como un "proxecto de Estado" que debe transcender "á cor política dos gobernos".

Subliñou que este proxecto, que supuxo un investimento de 3.300 millóns de euros, foi posible grazas ao esforzo e colaboración das diferentes administracións, e expresou a súa confianza en que siga ocorrendo.

Tamén insistiu, que "é imprescindible" completar o investimento para "desenvolver plenamente" a liña coa conexión entre Galicia e a Meseta" e que "a modernización do sistema de transporte de Galicia non pode nin debe deterse".

Pechou o acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que manifestou que a posta en servizo da liña de alta velocidade ferroviaria entre A Coruña, Santiago e Ourense é “a fin do principio do AVE a Galicia”, e engadiu que para que adquira “verdadeiro sentido” é preciso “darlle continuidade a través da conexión coa Meseta, a través do AVE que conecte Galicia con Madrid, e desde alí ao resto de España e Europa”.

Lembrou que restan aínda “326 quilómetros para que os galegos poidamos percibir realmente os beneficios e as oportunidades que ofrecerá o AVE polo que levamos tanto tempo agardando” e mostrouse convencido de que Galicia afrontará este reto “con máis ímpetu que nunca”.

Nese sentido, afirmou que o acto de hoxe é a proba “de que a nosa terra sabe encetar e culminar obras colectivas”, como esta que reúne as achegas de dous gobernos de partidos diferentes. Ademais, destacou que “contamos cun instrumento que se ten demostrado útil”, o Acordo do Obradoiro, do que apuntou que “malia que non se teña cumprido na súa totalidade, estou convencido de que foi un acerto pleno asinalo e telo feito nos termos máis ambiciosos".

Finalmente, Feijoo subliñou que completar o AVE galego “é o compromiso máis explícito en materia de infraestruturas do que será, tal e como é previsible, o próximo presidente do Goberno de España”, porque “tamén é coñecedor das necesidades do noroeste español, porque é xusto para Galicia e porque é bo para España”.

Teño que dicir que hoxe sinto unha enorme satisfacción como ourensán e como deputado que leva mais de once anos traballando coa mellor vontade a prol do Ave a Galicia.

É o momento de felicitar a todos, comezando por Francisco Álvarez Cascos -quen á fronte do Ministerio de Fomento licitou todos os tramos da conexión Santiago-Ourense e contratou dez de doce, ademais de licitar tamén o 61% do tramo A Coruña-Santiago- e por suposto a José Blanco, quen cun ánimo decidido continuou ese proxecto co resto de trámites e de recursos necesarios para que esta liña sexa hoxe unha realidade incontestable.

Por suposto un recoñecemento especial aos presidentes da Xunta, Fraga, Touriño e Feijoo, e aos Conselleiros respectivos e aos responsables de ADIF , RENFE e das empresas constrctoras e proxectistas.

 E por suposto un recoñecemento extraordinario as persoas entregadas á constante defensa do ferrocarril galego que veñen guiando e orientando coas súas aportacións e críticas, aos que traballamos neste apaixonante mundo das infraestructuras.

Moitas grazas a todos e noraboa a Galicia.




http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/12/11/0003_201112G11P2993.htm
http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/12/11/0003_201112G11P4993.htm
http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/12/11/0003_201112G11P4991.htm
http://www.lavozdegalicia.es/fotos/2011/12/10/01101323534054446773609.htm

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/galicia-sale-tunel-ferroviario/idEdicion-2011-12-11/idNoticia-717684/
http://www.elcorreogallego.es/galicia/fotos/

http://www.elmundo.es/elmundo/2011/12/10/galicia/1323514617.html
http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2011/12/11/ave-hizo-parada-inaugural-ourense-primera-etapa-viaje-historico-galicia/604980.html
http://www.elcomercio.es/v/20111211/asturias/gallego-arropa-cascos-blanco-20111211.html
http://www.elpais.com/articulo/espana/Blanco/Feijoo/aparcan/diferencias/apertura/AVE/gallego/elpepunac/20111211elpepinac_12/Tes

http://www.laregion.es/noticia/185851/galicia/estrena/velocidad/olvidar/conexion/meseta/
http://www.laregion.es/noticia/185855/abonos/permiten/descuentos/hasta/precio/billete/
http://www.laregion.es/noticia/185854/verde/integracion/linea/ciudad/
http://www.laregion.es/noticia/185853/viaje/historico/hacia/futuro/
http://www.laregion.es/noticia/185852/avant/plazas/lleno/autoridades/prensa

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Arranca/AVE/gallego/elpepuespgal/20111211elpgal_3/Tes
http://www.lne.es/asturias/2011/12/11/ave-entra-galicia/1169284.html
http://www.laopinioncoruna.es/galicia/2011/12/11/adios-min-istro-galicia/559288.html
http://www.laopiniondezamora.es/nacional/2011/12/11/feijoo-retrasa-ano-2018-conexion-ave-zamora-galicia/565116.html