Premio de Setestrelo ao Arquitecto Manuel Gallego Jorreto


Hoxe viaxei ata Maceda para asistir no seu fermoso Castelo a un acto organizado pola Asociación Setestrelo.

O acto central foi a entrega da medalla de prata “Manuel Gómez Román” ao doutor arquitecto D. Manuel Gallego Jorreto, pola súa contribución á dignificación da cultura de Galicia desde un ámbito tan complexo como é a arquitectura, destacándose pola concepción ética da mesma.

 Tamén foron entregados os diplomas da II edición dos Premios Manuel Gómez Román.  Na modalidade de Edificacións Tradicionais Rehabilitadas ou Restauradas aos arquitectos Estefanía Vázquez Müller e Roi Feijoo Rey, polo seu proxecto de rehabilitación dunha vivenda na rúa Liberdade, 24 en Ourense, e na modalidade de Construcións Adxectivas Rehabilitadas ou Reconstruidas foi para os arquitectos  Oscar Andrés Quintela e Lourdes Pérez Castro polo seu proxecto de rehabilitación dunha antiga construción de secado e industria da madeira en Sorribos-Abelleira, Muros.

Tamén foron nomeadas distintas persoas membros honoríficos da Asociación de Amigos do Castelo de Maceda e tiven a honra de ser un deles. O meu agradecemento pola distinción.

Excelentes foron as intervencións escoitadas no acto: en primeiro lugar a do presidente de Setestrelo, Francisco Nóvoa, exemplar empresario e dinamizador deportivo e cultural,  despois a do prestixioso arquitecto Iago Seara que loubou a figura do mestre Manuel Gallego Jorreto, aqruitecto e docente. 

Pechou o alcalde de Maceda, Francisco Xabier Oviedo, que tivo sentidas e sensatas palabras en defensa do medio rural, do seu patrimonio e do medio natural, tan ameazado estos días polos lumes.

Noraboa aos premiados e por suposto a Setestrelo polo gran traballo que segue facendo en defensa do patrimonio arquitectonico e a cultura de Galicia.

Con la tecnología de Blogger.