sábado, 22 de octubre de 2011

É imprescindible un goberno central que atope e aplique solucións

Como dicía na anterior entrada, hoxe en Santiago de Compostela tivemos unha reunión da Xunta Directiva do PPdeG na que despois de intervir os cabeza de lista ao Congreso das catro provincias pechou o acto o presidente do PP de G, Alberto Núñez Feijóo.

Afirmou que é imprescindible un Goberno de España que non sexa un problema que agrava os problemas senón unha ferramenta para atopar e aplicar solucións e asegurou que o camiño que leva feito Galicia non se pode continuar percorréndoo sós xa que é preciso un Goberno central que nos acompañe pola vía da planificación, do rigor e da eficiencia e no fomento da responsabilidade e a unidade.

Con respecto a isto, Feijóo asegurou que Rajoy é sinónimo de Goberno e Rubalcaba é sinónimo de intriga. Por iso confió en que os galegos imos escoller ao candidato que significa Goberno e imos esquecer ao candidato que supón intriga.

Sobre o que supuxo o Goberno central para Galicia, posto que é moi pouco o bo que se pode contar sobre iso e porque falan os feitos en cada un dos fogares galegos e dos españois onde se sufre a frustación do paro.

Afirmou que sobran as palabras para definir o que ten suposto este Goberno pero, sobre todo, sobraron moitas das palabras deste Goberno que se traduciron en consecuencias, como as promesas que non se cumpriron, titulares que lucían ben na presa e que agora pagamos en déficit, e improvisacións e contradicións que xeraron desconfianza.

Así mesmo, asegurou que sobraron as palabras coas que, ao inicio dese Goberno, se referiron ao Plan Galicia e despois esqueceron os compromisos adquiridos e as necesidades da comunidade, e sobraron tamén porque durante dous anos quixeron ser máis coherentes con esa mentira económica que coa realidade que estábamos a vivir.

Segundo o líder do PPdeG, Galicia tivo Goberno de España para que se lle conxelaran as pensións aos pensionistas galegos ou aos funcionarios lles baixaran os seus salarios, pero non tivo Goberno para que cumprira, ao igual que a Xunta, co 50% que lle corresponde do financiamento da Lei de Dependencia.

Así mesmo, tivo Goberno para que reducira o financiamento autonómico, para inflar os orzamentos de forma irreal e para que Galicia lle axudase a arranxar as súas contas con equilibrio orzamentario, pero non houbo Goberno para que abonara o que nos corresponde pola propia normativa recortada que eles aprobaron, nin para racionalizar o pagamento da débeda que eles xeraron de forma irresponsable nin para apoiar a Galicia co Xacobeo.

Na mesma liña, Alberto Núñez Feijóo destacou que houbo Goberno para que nos dixeran que o AVE estaría en 2009, en 2010, en 2012 e agora en 2015, pero non o houbo para acompañar con investimentos esas palabras. E precisamente o que Galicia precisa, merece e demanda, como o resto de España, é un Goberno que estea sempre para potenciar o bo, combater o malo e, despois de 8 anos, seguro que poderemos contar con el en menos dun mes, asegurou o dirixente popular.

Pechou a sua intervención indicando que o Partido que estea no vindeiro Goberno recollerá o país nunha situación ben distinta á que hai oito anos recolleu o Goberno que agora remata.

Con respecto a isto, indicou que se ben recolleu un país que creaba emprego, tiña unha economía saneada, crecía, tiña capacidade para xerar ingresos e incrementaba os seus servizos públicos, agora deixa un país con altos índices de paro e déficits preocupantes, que decrece, que está en constante perda e que deixa ao Estado de Benestar ao borde da quebra.

O próximo Goberno debe, por tanto, ser consciente de que gobernará nas peores condicións económicas posibles, con menos recursos que nuca terá que afrontar máis problemas e debe ser consciente do que nunca debe volver a repetirse, dicindo a verdade, xestionando a realidade, contando cos cidadáns, decidindo con responsabilidade e gobernando con sentido común.

Nesta liña, tamén debe ser consciente de que por máis difícil que sexa o reto ao que se enfronta, é moi posible acadalo porque ten a mellor das materias primas: os españois.



Rematado o acto fixemos esta foto os candidatos cabeza de lista co Presidente do PP de G: Erias, Pastor e García Díez.