Hoxe asistín ao acto de inauguración do pozo de bombeo do Couto, cuxa construción supuxo un investimento de 8,6 millóns de euros e que é unha peza fundamental nas obras de saneamento da cidade de Ourense.
Presidiu o acto, o Secretario de Estado de Medio Rural e Auga, D. Josep Puxeu.
Unha enxeñeira da empresa Ferrovial explicounos a infraestrutura que conta cunha capacidade de 3.680 litros por segundo e que recollerá a maioría dos caudais xerados na cidade para o seu posterior transporte á estación depuradora, ademais de permitir a retención das puntas de caudal durante os episodios de choiva.
Puidemos coñecer a subestructura, que é un impresionante pozo circular de 25 metros de diámetro interior ao que se encosta a cámara de entrada dos interceptores; e tamén o enorme tanque de tormentas.
Quixen asistir a esta inauguración pois – aínda pendente a nova EDAR- vén a culminar un proceso iniciado no ano 1997 cando as obras de mellora do saneamento de Ourense foron declaradas de interese xeral do Estado pola Lei 22/1997 de 8 de xullo. Unhas obras que se incluíron no “Protocolo Xeral de Colaboración entre o Ministerio de Medio Ambiente, a Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Norte para o desenvolvemento de determinadas obras hidráulicas na Comunidade Autónoma de Galicia” asinado o 9 de decembro de 1999.
As obras comezaron co acondicionamento dos colectores xerais do Río Barbaña, logo co acondicionamento dos colectores xerais e interceptores da marxe esquerda do Río Miño e finalmente coas mesmas actuacións na marxe dereita.
As primeiras actuacións foron executadas na etapa de goberno do Partido Popular (1996-2004) e estas últimas, desde abril de 2004 na etapa de goberno do Partido Socialista.
Unhas obras que pola miña obrigación como parlamentario vin seguindo e controlando estes últimos anos.
Creo que son un exemplo de como os grandes proxectos para unha cidade son a consecuencia dun traballo colectivo.