viernes, 23 de septiembre de 2011

Na festa da Merced, no centro penitenciario de Pereiro de Aguiar


Onte despraceime ao Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar para celebrar a súa festa, o Día da Merced. Tras unha eucaristía presidida polo vicario D. José Dominguez, celebrouse o acto institucional, onde tras un discurso do Subdelegado do Goberno, D. Camilo Ocampo, foron entregados diversos recoñecementos aos internos e internas que destacaron en diferentes áreas (laboral, escolar,deportiva, evolución terapéutica e persoal, etc.), así como a outras persoas que prestaron notables servizos e colaboración.
 
É momento de recordar o noso mandato constitucional do artigo 25.2 que di que: “As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara á reeducación e reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados. O condenado a pena de prisión que estiver cumprindo a mesma gozará dos dereitos fundamentais deste Capítulo, fóra dos que se vexan expresamente limitados polo contido do fallo condenatorio, o sentido da pena e a Lei penal. En todo caso, terá dereito a un traballo remunerado e aos beneficios correspondentes da Seguridade Social, así como ao acceso á cultura e ao desenvolvemento integral da súa personalidade”

O meu parabén á directora do Centro, Dª Silvia Alonso e a todos os funcionarios que traballan ao servizo desta institución penal ourensá que fai un extraordinario labor de tratamento, reeducación e rehabilitación das persoas que cometeron un delito e que velan polo cumprimento dos dereitos e obrigacións dos internos.