martes, 16 de agosto de 2011

Freo ao crecemento económico


Hoxe deuse a coñecer polo Instituto Nacional de Estatística a estimación avance da Contabilidade Nacional Trimestral - Base 2000, correspondente ao segundo trimestre de 2011.


E así sabemos que o Produto Interior Bruto (PIB) xerado pola economía española rexistrou un crecemento real do 0,7% no segundo trimestre de 2011 respecto ao mesmo período do ano anterior.

Significa esto que o crecemento da actividade global redúcese unha décima respecto ao trimestre precedente, no que continúa destacando a achega positiva da demanda exterior, parcialmente compensada por unha contribución negativa da demanda nacional, co consumo dos fogares e o investimento das empresas estancados.

Tamén se difunde que a variación intertrimestral do PIB foi dun crecemento do 0,2%, fronte ao 0,3% do trimestre anterior.

As previsións son de que este estancamento manterase no que resta de ano, o que imposibilitará o obxectivo do 1,3 % previsto polo executivo de Rodríguez Zapatero.

É un feito evidente que desgrazadamente non se aprecia a tan necesaria reactivación da economía, lastrada sen dúbida polas importantes dificultades de financiamento ás empresas, e todo iso cun impacto moi negativo na creación de emprego.

Estes datos hoxe avanzados esixen unha pronta explicación no Congreso por parte dun Goberno que nos sumiu nunha crise demasiado extensa no tempo e devastadora na destrución de emprego.