Reclamando explicacións sobre os proxectos para a chegada da Alta Velocidade a Galicia



Hoxe os deputados galegos do Grupo Parlamentario Popular (GPP) presentamos unha Proposición non de Lei para o seu debate na Comisión de Fomento do Congreso, co fin de lograr o apoio da Cámara Baixa para instar ao Goberno de Zapatero a que faga público un cronograma sobre os prazos de licitación, adxudicación, execución e posta en servizo dos tramos de alta velocidade a Galicia comprendidos entre Olmedo e Ourense.

O obxectivo que perseguemos é tamén lograr que se inste ao Executivo socialista a licitar antes de que finalice o terceiro trimestre do ano 2011 os 2.487 millóns de euros correspondentes ás obras de plataforma dos tramos pendentes comprendidos entre “Requejo - Lubián - Taboadela - Ourense", así como que se celebre urxentemente unha reunión da Comisión de Seguimento do Pacto do Obradoiro.

Os compromisos adquiridos polo Goberno na firma do Pacto do Obradoiro para 2009 cumpríronse de forma satisfactoria, pero non ocorreu así cos referidos ao ano 2010, xa que recordamos que para que os prazos estipulados con Galicia puidesen cumprirse a totalidade das obras para a chegada da alta velocidade á nosa CC.AA. deberían haberse licitado a finais do ano pasado, algo que non ocorreu.

Na última reunión bilateral celebrada en Madrid o pasado 13 de decembro, o ministro de Fomento reiterou ante o presidente da Xunta de Galicia o seu compromiso de que o AVE circularía por Galicia en 2011 e que a conexión coa Meseta faríase realidade no horizonte do ano 2015. Nesa mesma entrevista acordouse que tería lugar unha macrolicitación dos tramos pendentes, cuxas obras valorar nuns 6.000 millóns de pesetas, e que se anunciaría no Boletín Oficial de Estado antes de terminar o primeiro trimestre de 2011.

Este prazo tamén se incumpriu por parte dos socialistas, e o 8 de abril de 2011 coñecemos que se abandonaba a tan anunciada macrolicitación e que o Consello de Ministros autorizaba ao Ministerio de Fomento á licitación, a través de Adif, do contrato de colaboración público-privada para a redacción dos proxectos e a execución das obras de montaxe de vía da nova conexión de alta velocidade no tramo comprendido entre Olmedo (Valladolid), Zamora e Ourense, así como o mantemento do tramo Olmedo-Ourense-Santiago de Compostela. O acordo do Consello de Ministros decidía tamén que ADIF licitaría, polo procedemento de concurso público convencional e mediante vinte e sete contratos, as obras de plataforma que restan por executarse entre Lubián e Ourense.

O Goberno comprometeuse entón a levar a cabo as licitacións desde o ano 2011, 2012 e ata ou 2014, a pesar de que o Pacto do Obradoiro contemplaba levar a cabo todas en 2010, pero o certo é que tampouco este novo compromiso respectouse, xa que a data de redacción desta iniciativa só se licitaron catro dos vinte e sete contratos, e restan aínda licitacións estimadas en 2.487 millóns de euros.

Ademais dos atrasos nas licitacións, os deputados populares galegos estamos preocupados polos baixísimos niveis de execución dos Orzamentos Xerais do Estado para 2010 (dos 36 millóns orzados para a LAV Olmedo-Lubián-Ourense, na provincia de Ourense, quedaron sen gastar 32.765.000 €, o 91%), e sostemos que se ligamos estes datos agora coñecidos de execución coa situación do traxecto Lubián-Ourense e pómolos en relación co estudo-cronograma elaborado pola Xunta de Galicia chegamos á conclusión de que será imposible o cumprimento do obxectivo de conexión de Galicia con Madrid en 2015 e que sendo optimistas estará como moi pronto de 2018.

A Proposición non de Lei que expómos pretende dar tranquilidade e realismo aos compromisos con Galicia, xa que a situación real dista moito da prometida polos socialistas: o traxecto Lubián-Ourense é un dos máis complexos xeográfica e técnicamente da LAV Madrid-Galicia, con 101,7 Km. de lonxitude que para a súa construción dividíronse en oito tramos.

A data de hoxe só hai obras nun tramo, entre "Miaman-Ponte Ambia" (6,7 km), e noutros dous, a pesar de que se adxudicaron as obras en xullo de 2010, non hai apenas avance nos tramos de Porto-Miaman (6,5 km) e Ponte Ambía -Taboadela (8,9 km). Nos cinco restantes tramos (79,5 km): Lubián-Vilavella, Vilavella-Vilariño, Vilariño-Cerdedelo, Cerdedelo-Porto e Taboadela-Ourense, non hai obra algunha adxudicada.

Queremos que o Congreso inste ao Goberno a licitar antes de que finalice o terceiro trimestre do ano 2011 os 2.487 millóns de euros correspondentes ás obras de plataforma dos tramos pendentes comprendidos entre Requejo - Lubián – Taboadela- Ourense e esperamos reactivar con esta iniciativa parlamentaria o cumprimento dun pacto que non está sendo respectado polo ministro de Fomento, José Blanco, nin polo presidente José Luís Rodríguez Zapatero.

A pobrísima execución orzamentaria do 2010 mantén, por desgraza, a deprimente liña do ocorrido anteriormente coa Lei de PGE para 2009, que consignaba para SEITTSA con cargo ao proxecto entre Lubián-Ourense (provincia de Ourense) nada menos que 250.000.000 € e que terminou con 247.965.000 € sen executar, é dicir, só se gastou o 0,80% do orzado.

Lembramos tamén que o pasado 28 de xuño no Pleno do Parlamento de Galicia resultou aprobada unha PNL do PP que contou co apoio de BNG pola que se reclamaban ao Goberno de España obxectivos similares aos desta PNL.

Ademais do expresado na PNL, consideramos que os galegos non poden seguir esperando para saber cal será a realidade para a entrada en funcionamento da alta velocidade en Galicia e recordamos que en maio solicitamos a comparecencia na Comisión de Fomento do Congreso do ministro José Blanco para que informase con detalle sobre o proceso de licitación polo procedemento de concurso público convencional das obras de acceso de alta velocidade a Galicia no tramo Requejo-Ourense, así como da súa programación orzamentaria, e que esta comparecencia aínda non se celebrou, igual que tampouco se celebrou a petición de comparecencia a petición propia que semanas despois anunciou o ministro.

É urxente pois pór data a esa comparecencia do ministro, para obter respostas en sede parlamentaria.

http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/07/07/0003_201107G7P6992.htm
Con la tecnología de Blogger.