Zapatero, incapaz de dicir a verdade sobre o trato a Galicia



Hoxe tivo lugar no Congreso dos Deputados a segunda sesión do debate de política xeral sobre o Estado da Nación. Interveu e á primeira hora o deputado do BNG, Francisco Jorquera que aludiu a un conxunto de temas de interese para Galicia.

O presidente Zapatero contestoulle entre outras cousas en relación co tema das infraestruturas galegas, dicindo que: “Nunca se investiu tanto nas infraestruturas ferroviarias galegas; ese investimento ascende a 4.000 millóns de euros, e fixemos unha aposta moi especial por comunicar Galicia mediante alta velocidade. En 2004 non había absolutamente nada feito da alta velocidade cara a Galicia” E en relación co sector naval dixo “Sabe vostede que os investimentos de Galicia alcanzaron unha porcentaxe nunca coñecida en relación co PIB e que, ademais, noutros sectores produtivos con dificultades, como o naval, levamos axudando, librando unha batalla difícil, que vai continuar sen ningunha dúbida coa Comisión Europea”

Finalizado este debate os deputados galegos do PP trasladamos unha nota de prensa na que dicimos que tras oír ao presidente do Executivo socialista, José Luís Rodríguez Zapatero, lamentamos que nin sequera no seu último Debate sobre o Estado da Nación sexa capaz de dicir a verdade sobre o trato que deu a Galicia.

E dicimos que vimos neste debate un reflexo da falta de compromiso de Zapatero con Galicia e escoitado novas mentiras. Zapatero dixo que en materia de infraestruturas en Galicia “non había nada cando chegaron os socialistas ao poder no 2004”, cando a realidade é ben distinta.

Cando os socialistas chegaron ao poder en 2004 xa estaba aprobado o Plan Galicia, algunhas obras executándose e boa parte das súas infraestruturas licitadas e adxudicadas, cando non había nada foi cando o PP chegou ao poder en 1996, entón a alta velocidade ferroviaria acabábase en León.

Afirmamos que o único do que poden presumir os socialistas en Galicia é de mentir de forma sistemática aos galegos sobre a alta velocidade, primeiro asegurando que chegaría no 2009, logo xurando nunha huída cara adiante que sería no 2012 e agora insistindo no 2015 cando o ritmo de licitacións, adxudicacións, a ausencia dun cadro de financiamento e o avance lentísimo dos tramos en obras apunta a que non poderá ser antes do 2018.

Neste sentido, recordamos que foi baixo gobernos do PP cando se iniciaron as obras do Eixo Atlántico, cando se licitou e adxudicou a práctica totalidade do tramo Ourense-Santiago e cando se iniciou a liña de alta velocidade Madrid-Galicia e aseguramos que feitos como a elevadísima inexecución orzamentaria do Goberno de Zapatero (só un 9% do orzamento consignado para o AVE Lubián-Ourense foi executado o pasado ano) demostran a súa total falta de compromiso con Galicia.

Lamentamos que Zapatero, cando falou de Galicia hoxe na segunda sesión do debate, o faga para verter afirmacións inexactas, como que o seu goberno librou unha batalla polo sector naval. Certamente fai falta valor para presentarse no seu último Debate do Estado da Nación presumindo de librar unha gran batalla polo sector naval cando en 7 anos o Goberno socialista non logrou nin un só contrato para Navantia en Galicia. O que a día de hoxe está proporcionando carga de traballo a Navantia foron os proxectos dos gobernos do PP (fragatas F100, fragatas F310 para Noruega, Juan Carlos I ou os buques para Australia), pero non hai nada para o futuro que os socialistas consigan.

A verdade é que Zapatero desaproveitou a presidencia española da UE para intentar negociar o levantamento do veto a Navantia e os socialistas abandonaron á súa sorte ao sector naval.

Botamos en falta que Zapatero aludise na súa intervención a cuestións esenciais para Galicia como por que intentou boicotear que se crease unha gran caixa galega, por que quixo impedir que a sanidade galega puidese financiarse, por que non abona a Galicia os 805 millóns de euros que lle corresponden polo novo sistema de financiamento pactado coas CC.AA, por que non concede o adiamento solicitado pola Xunta para o pago que unha débeda que equivale ao 5% dos orzamentos galegos ou por que non apoiou o maior evento cultura de Galicia, o Xacobeo 2010, xa que agraviou a todos os galegos non dignándose a visitar a comunidade en 365 días.

Temos que destacar tamén a deslealdade que supuxo para Galicia o recurso presentado polo Goberno ante o Constitucional á Lei de Caixas galega e recordamos que aínda onte mesmo o Constitucional volveu darlle un revés a Zapatero na súa política de boicot a Galicia levantado a suspensión á Lei de Racionalización do Gasto na Prestación Farmacéutica de Galicia e ao acordo da Xunta polo que se creou o catálogo priorizado de produtos farmacéuticos.
Con la tecnología de Blogger.