lunes, 27 de junio de 2011

Fomento só gastou en 2010 na provincia de Ourense o 9% do orzado para o AVE entre Lubián e Ourense e o 32,72 % do consignado para o Ourense-Santiago



Hoxe os deputados ourensáns do Partido Popular divulgamos unha nota de prensa na que damos a coñecer que o Goberno confirmou que o pasado ano deixou sen gastar en alta velocidade na provincia de Ourense un total de 221.405.000 €, dos que 32.765.000 € foron do AVE Lubián-Ourense e 188.640.000 € do AVE Ourense-Santiago.

A comezos de 2011, exercendo o noso labor de control parlamentario, os deputados ourensáns do PP presentamos no rexistro do Congreso unha batería de preguntas para que o Goberno dese conta do grao de cumprimento da Lei de Orzamentos Xerais de 2010 no que se refire aos investimentos orzados na provincia de Ourense en materia de alta velocidade ferroviaria. Agora, seis meses despois, o Executivo informou do grao de execución dos primeiros orzamentos que son integramente responsabilidade do ministro José Blanco.
Estes son os datos oficiais facilitados polo Goberno:

Proxecto de investimento 2020. “LAV Olmedo-Lubián-Ourense-“ (Provincia de Ourense)

Na Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2010 contémplase para ADIF o proxecto de investimento 2020. “LAV Olmedo-Lubián-Ourense” (Provincia de Ourense) e consignábase unha partida de 36.000.000 €.

O 2 de xaneiro de 2011, os deputados ourensáns do PP preguntabamos polo grao de execución desta partida orzamentaria.

E o 10 de xuño de 2011 entraba no Congreso a resposta do Goberno, datada o 1 de xuño que di:

“De acordo co anexo de investimentos reais e programación plurianal do os PGE para 2010 de ADIF o gasto en investimento realizado a data 31 de decembro de 2010 na provincia de Ourense no proxecto 2020 LAV Olmedo-Lubián- Ourense (Provincia de Ourense) foi de 3.235.000 € "

Significa isto que dos 36.000.000 € orzados ADIF non gastou 32.765.000 € (o 91%) e só gastou 3.235.000 € (o 9%)

A data 21 de decembro de 2010, facía unhas previsións de execución desta partida e estimaba entón que tendo en conta que teoricamente as obras dos primeiros 22,5 km entre Porto e Taboadela comezaron en outubro de 2010 poderíase chegar executar un 30% do orzado, pero as previsións non se cumpriron e quedaron nun triste 9%.

Esta pobrísima execución vai na deprimente liña do ocorrido anteriormente coa Lei de PGE para 2009, que consignaba para SEITTSA con cargo ao proxecto entre Lubián-Ourense (provincia de Ourense) nada menos que 250.000.000 €. A realidade é que aquel ano 2009 concluíu cunha execución de 2.035.000 € (0,80 %) e Fomento deixou sen executar nada menos que 247.965.000 €.

Se ligamos estes datos agora coñecidos de execución coa situación do traxecto Lubián-Ourense e pómolos en relación co estudo elaborado pola Xunta de Galicia chegamos á conclusión de que será imposible o cumprimento do obxectivo de conexión de Galicia con Madrid en 2015 e que sendo optimistas estará como moi pronto en 2018.

Recordemos que o traxecto Lubián-Ourense é un dos máis complexos xeográfica e técnicamente da LAV Madrid-Galicia. Ten 101,7 km de lonxitude e para a súa construción dividiuse en oito tramos. E a data de hoxe só hai obras nun tramo, entre "Miaman-Ponte Ambia" (6,7 km), e noutros dous, a pesar de que se adxudicaron as obras en xullo de 2010, non hai apenas actividade nos tramos de Porto-Miaman (6,5 km) e Ponte Ambia -Taboadela (8,9 km). Nos cinco restantes tramos (79,5 km): Lubián-Vilavella, Vilavella-Vilariño, Vilariño-Cerdedelo, Cerdedelo-Porto e Taboadela-Ourense, non hai obra algunha adxudicada.

Os atrasos son monumentais e ninguén pode crer que se na construción do tramo de AVE entre Ourense e Santiago (87 km) empregáronse 8 anos (2004-2011), a execución do AVE Lubián-Ourense (101,7 Km) de maior complexidade técnica e orográfica poderase terminar en 4 anos.

Ademais hai aspectos técnicos moi relevantes pendentes de resolución por parte de ADIF, por exemplo os que teñen que ver coa alimentación en alta tensión das tuneladoras que haberán de traballar entre Lubán e Ourense. Necesítanse construír liñas eléctricas que hoxe non sequera están proxectadas.

Proxecto de investimento 0195 S.”Convenio ADIF-LAV Ourense-Santiago” (Provincia de Ourense)

Na Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2010 contémplase para a Sociedade Estatal de Infraestruturas de Transporte Terrestre o proxecto de investimento 0195 S. “Convenio ADIF-LAV Ourense-Santiago” provincia de Ourense unha partida de 280.412.000 €.


O 2 de xaneiro de 2011, os deputados ourensáns do PP preguntabamos polo grao de execución desta partida orzamentaria. E o 10 de xuño de 2011 entraba no Congreso a resposta do Goberno, datada o 1 de xuño, que di:

“De acordo co anexo de investimentos reais e programación plurianal do os PGE para 2010 da Sociedade Estatal de Infraestruturas do Transporte Terrestre (SEITT), o gasto en investimento realizado a data 31 de decembro de 2010 na provincia de Ourense no proxecto Convenio ADIF-LAV Ourense-Santiago foi de 91.772.000 €”

Significa isto que dos 280.412.000 € orzados SEITSA non gastou 188.640.000 € (o 67,28 %) e só gastou o 32,72 %.

Esta pobrísima execución non ten explicación tendo en conta que as obras do AVE entre Ourense e Santiago están terminando, chegándose ata a fixar como data de posta en servizo o 10 de decembro de 2011. Trasládanse a exercicios vindeiros os pagos desta liña, producíndose unha vez máis un enorme deslizamiento orzamentario.

http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/06/28/0003_201106G28P7992.htm


http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2011/06/28/dejan-gastar-91-fondos-tramo-lubian/558234.html

http://www.ourensedixital.com/_novas/11/06/28_06.htm