17 de maio: Pola defensa, a promoción e o prestixio do galego


Hoxe festexamos o “Día das Letras Galegas”, unha data que celebramos dende o 17 de maio de 1963, por iniciativa da Real Academia Galega e en conmemoración do centenario da publicación de Cantares Gallegos.

Nesta ocasión lembramos a un poeta monforino Lois Pereiro que, como dí a declaración institicional da Xunta de Galicia, personifica unha aposta pola modernidade e a vangarda, polas novas xeracións de escritores e poetas, anova a tradición de excelencia da voz lírica de Galicia, e dá continuidade a herdanza que parte de Rosalía e os poetas do Rexurdimento, e continúa en Cabanillas, Manuel Antonio, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra ou Manuel María, entre moitos outros.

Neste importante data quero recoller neste blog as palabras pronunciadas onte en Bonaval diante dos mozos das NN.XX do PP d G, polo presidente, Alberto Núñez:

“Amigas e amigos:

Galeguismo é liberdade. Velaí a que foi a nosa máxima dende que o pobo de Galicia puxo nas nosas mans o desenvolvemento do autogoberno. O Partido Popular soubo entender xa naqueles albores da autonomía, que o galeguismo tiña que impregnar a nosa acción política, e que ese galeguismo tiña que ser amable, harmonioso, afectivo. Non podía fundamentarse na imposición de criterios de partido, senón na asunción de principios compartidos pola maioría do país.

O tempo dinos que acertamos. O tempo certifica que aqueles pais da autonomía con Xerardo Fernández Albor á cabeza e liderados 16 anos por Manuel Fraga, acertaron cando elixiron ese camiño. Practicamos un galeguismo popular, que fixo que a autonomía fose unha sala de estar onde todos os galegos poden sentirse cómodos.

Pois ben; esa idea tan simple e tan fecunda de que o galeguismo é liberdade, impregna tamén a nosa política lingüística. Nin aceptamos que o galego fose algo superfluo no noso rexurdimento, nin tampouco que se convertera en ferramenta de confrontación. Quixemos que o idioma fose a nivel político, o que xa era a nivel cidadán. Miramos ao noso redor, e atopamos unha maioría social que amaba o seu idioma sen necesidade de rexeitar outras linguas. Miramos ao noso redor, e atopamos moita xente que non quería unha lingua que illara, senón unha lingua que unira.

Hoxe dígovos que compre coidala, e pídovos que sexades teimosos para espallar esta idea entre os galegos que teñen nas súas mans as chaves do futuro. A defensa, a promoción e o prestixio do galego, é unha tarefa que nos compete especialmente a nós, como a formación política que mellor estrutura á nosa comunidade. Aqueles que nos precederon, iniciaron un camiño que nós temos que continuar, conservando aqueles principios iniciais e incorporando os novos instrumentos que a modernidade nos proporciona.

Amigas e amigos. A lingua é un activo para o futuro da nosa mocidade. Un activo laboral, un activo que permite dar o salto a outras linguas románicas, e un activo para o noso benestar, para medrar sen perder a identidade de Galicia. O porvir é plurilingüe. Sabémolo e por iso lle damos pulo con iniciativas de todo tipo que teñen acadado un amplo consenso social. Que ninguén pense que ese plurilingüismo esvaece o fortalecemento do noso idioma. Todo o contrario: compleméntao. Non queremos un galego de resistencia; necesitamos un galego expansivo que encabece o proxecto plurilingüe que avalamos.

Sodes herdeiros dun galeguismo que se identifica coa liberdade. Disfrutades dunha liberdade que en Galicia é sinónimo de galeguismo. Tócavos manter o idioma dos vosos pais e avós, para que poida ser tamén unha das linguas nas que falen os vosos fillos e netos. Para elo buscaremos incansablemente o acordo. Primeiro, o acordo coa propia sociedade galega, orixe e destino de calquera política lingüística. Pero tamén acordo con todas as forzas sociais e culturais que desexen defender en liberdade a nosa identidade común.

Confío en vos. Moitas grazas.”


Con la tecnología de Blogger.