viernes, 8 de abril de 2011

Unha boa nova, a autorización da licitación das obras do AVE a Galicia


Hoxe coñecemos que o Consello de Ministros autorizou as actuacións necesarias para impulsar a Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia para a súa posta en servizo na contorna de finais de 2015.

Así, segundo a referencia que se publica na web da Moncloa, o Consello autorizou ao Ministerio de Fomento a licitación, a través de ADIF, do contrato de colaboración público-privada para a redacción dos proxectos e a execución das obras de montaxe de vía da nova conexión de alta velocidade no tramo comprendido entre Olmedo (Valladolid), Zamora e Ourense, así como do mantemento do tramo Olmedo-Ourense-Santiago de Compostela.

Esta actuación, dise, está dividida en dous lote (Olmedo-Pedralba de la Pradería e Pedralba de la Pradería-Santiago) que se estenden ao longo dun trazado de 417 Km. de lonxitude. O contrato contempla, así mesmo, o mantemento das infraestruturas e o financiamento de parte dos investimentos.

Engádese que unha vez aprobada esta autorización, o Consello de Administración de ADIF procederá a licitar, polo procedemento de colaboración público-privada, a execución da montaxe de vía e o seu correspondente mantemento, obxecto da autorización do Consello de Ministros, así como a das instalacións de subministración de enerxía eléctrica, telecomunicacións e control do tráfico ferroviario da liña, ademais da súa conservación.

Igualmente infórmase que ADIF licitará, polo procedemento de concurso público convencional, as obras de plataforma que restan por executarse na Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia no traxecto comprendido entre Lubián e Ourense.

Trátase sen dúbida dunha boa noticia que nos alegra, logo de tantos anos demandando que se avanzase na licitación do tramos pendentes do AVE a Galicia.

Debemos, no en tanto, esperar a coñecer os detalles da futura licitación que en principio vemos que é diferente do expresado polo Ministro en decembro de 2010, xa que por exemplo utilizarase o concurso público convencional para as obras de plataforma que restan no traxecto comprendido entre Lubián e Ourense.

Hai moitas incognitas que despexar e moitas explicacions que dar por Fomento e que demandaremos en sede parlamentaria.

Acredita este importante paso dado hoxe polo Consello de Ministros que o Acordo do Obradoiro suscrito en xullo de 2009 entre o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia estando sendo útil para Galicia e para España, e que temos a obriga de que non se deteña e se siga cumprindo.

Nese sentido, procede agora que esta autorización se transforme en inmediata licitación e que proceso administrativo remate na adxudicación do AVE a Galicia neste ano 2011, para facer viable a posta en servizo no ano comprometido polo goberno socialista, 2015.