jueves, 7 de abril de 2011

Falando do rescate a Portugal e de economía en Radio Voz

Hoxe, - como todos os xoves ás 8,30 - participei no habitual faladoiro que dirixe Antía Díaz Leal en Radio Voz.

Dedicamos unha parte importante desta hora de radio a falar da solicitude de asistencia financeira “rescate” por parte de Portugal á Unión Europea.

Na miña opinión é unha grave decisión á que o noso veciño vese empuxado pola moi mala situación de economía, a presión dos mercados, as valoracións das axencias de cualificación e o propio sistema bancario luso, incapaz de seguir prestando ao Estado.

Resaltei a importancia que para España e Galicia ten esta nova situación pois temos unhas estreitas relacións económicas con Portugal, polos nosos intercambios comerciais, os investimentos das nosas empresas e a exposición da Banca Española á débeda pública e privada dese país.

Preguntado sobre a posibilidade de que España puidese ser a seguinte nación en ser rescatada manifestei a diferenza de tamaño de ambas as economías e que desexaba fondamente que nos nos vexamos en tal situación, para o que hai que facer é adoptar medidas e reformas estruturais dentro dun plan global e executalas debidamente.

Tamén ocupou un tempo do noso faladoiro o comentario das manifestacións de onte da Vicepresidenta Elena Salgado que anunciou que en media, o presente ano pechará cun desemprego do 19,8%, medio punto máis do esperado ata agora, e a creación de novos postos de traballo será case testemuñal.

Dixen que é lamentable que cada vez que o Goberno revisa as previsións sexa para incrementar o paro e que aínda así hai perspectivas menos optimistas como a do Banco de España que prevé para este ano unha taxa de paro do 20,7 % e dun crecemento do 0,8 % fronte ao 1,3 % previsto polo executivo de Zapatero.

Ademais sinalei que despois do moi negativo dato de paro de marzo, España volveu bater un record de paro que nos sitúa en 4.333.669 parados e que o paro xuvenil sitúase nun insostible 42,80 %.

Puxen estes datos en relación co último barómetro do CISS que mostra que para o 81,8 % dos españois o paro é o problema principal e que ademais ven cada día con mais pesimismo a situación económica xeneral do noso país, de modo que xa un 39,5 % dos españois cualifican a nosa situación como moi mala e o 40 % como mala.