Sobre a limitación de mandato dos gobernantes



Hoxe o xornalista da Rexión, Héctor Díaz publica neste xornal e no Atlántico Diario un traballo no que recolle a opinión de tres políticos - Luís Piña, do PSOE, Francisco Jorquera, do BNG e eu mesmo polo PP - sobre a posibilidade de limitar a oito anos o máximo dun presidente á fronte do goberno da nación, por exemplo ocorre nos Estados Unidos.

Estas foron as miñas respostas - con  toda amplitude  - ás súas preguntas:

1.- ¿Cal é o tempo máximo que debería estar un presidente á fronte do goberno dun país?

Cada Estado ten autonomía para fixar eses tempos máximos ou non fixalos.

En España a nosa Constitución non limita o mandato.

Así o Artigo 23. da C.E. di que:

”1. Os cidadáns teñen o dereito a participar nos asuntos públicos directamente ou por medio de representantes, libremente elixidos en eleccións periódicas por sufraxio universal.
2. Así mesmo, teñen dereito a acceder en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos, cos requisitos que sinalen as Leis.”

E a lei fundamental que desenvolve este precepto constitucional, a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (recentemente modificada por amplísimo consenso) non contempla tampouco limitación aos mandatos representativos.
Eu estou de acordo coa nosa Lexislación.

2.- ¿Cre necesario limitar os mandatos a oito anos por Lei como ocorre en países como EE.UU.?

Non considero necesario limitar a oito anos o mandato dos presidentes de Goberno (nin dos de CCAA ou dos Alcaldes), nin tampouco o consideraron PP-PSOE-CIU-PNV e moitas outras forzas políticas españolas cando reformamos neste ano a LOREG.

Este tema de limitar os mandatos non forma parte da preocupación das forzas políticas españolas.

3.- ¿Que vantaxes pode ter reducir a dous mandatos o tempo máximo na presidencia do Goberno?

Non atopo ningunha.

Os electores co seu voto xa teñen a posibilidade de reducir os mandatos de quen lles gobernan.

A confianza derivada do voto non é ilimitada, redúcese a catro anos e se se quere seguir non é unha decisión do político, é dos cidadáns.

4.- ¿Pode haber inconvintes en limitar os mandatos a un período determinado?

Creo que si, pois limitarían o dereito dos cidadáns a elixir á persoa que máis confianza lles merece para rexer os destinos da súa Nación, do seu CC.AA ou do seu Concello.

Se o xestor político elixido non o fai ben, serán os cidadáns nas urnas quen lle retiren a súa confianza, pero se pola contra estao facendo ben, a limitación do mandato a oito anos, privaría aos cidadáns da oportunidade de renovarlle a confianza e estar ben gobernados.


Con la tecnología de Blogger.