sábado, 26 de febrero de 2011

SOTOURENSE: Sí: é posible o soterramento




Este xoves pola mañá recibimos en Ourense a visita fugaz de dous responsables do Ministerio de Fomento: Victor Morlán, Secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas e o Director Xeral de Infraestruturas Ferroviarias, Carlos Juárez.

Alí en compañía do Alcalde da cidade, membros da corporación e algúns representantes sociais e económicos, o Sr. Morlán argumentou un conxunto de razóns que farían inviable o soterramento das vías ao seu paso pola cidade. Iso si, non houbo preguntas nin posibilidade de contrastar pareceres.

Non fun invitado ao acto - ó que sería razoable dada a miña condición de deputado por Ourense e vocal da Comisión de Fomento – aínda que resultaríame imposible acudir xa que esa mañá estiven ata as 14,30 horas no Pleno do Congreso.

Como é a miña obriga, lin, vin e escoitei os medios de comunicación, informeime por medio de persoas que asistiron e unha vez analizadas as manifestacións do Secretario de Estado manifesto unha completa discrepancia coas argumentacións de Fomento – e aplaudidas polo grupo de goberno municipal (PSOE-BNG) - que pretenden facer inviable o soterramento por razóns técnicas, económicas e temporais.

Fágoo con respecto e sen descualificacións pero si co pleno coñecemento e convencemento, baseándome no informe de técnicos independentes, no estudo de proxectos similares, en todas e cada unha das informacions obtidas nas miñas iniciativas e intervencións parlamentarias sobre o tema e por que non dicilo aplicando o sentido común.

Seguirei, pois defendendo con maior forza a solución do soterramento das vias na estación como a mellor para a nosa cidade.