Hoxe o diario Xornal de Galicia publica un artigo no que opino sobre o futuro de Novacaixagalicia.
Unha entidade financiera propia e solvente.
"Galicia, unha nacionalidade histórica con competencias en materia de Caixas, ten dereito e necesita unha entidade financeira propia e solvente que traslade crédito ás familias, empresas e autónomos. Esa é a miña aposta.
O Grupo de Gobernadores e Supervisores bancarios, que se denominou Basilea III, estableceu uns estándares de calidade a cumprir en 2013 e o pasado sábado coñeciamos pola lectura do BOE o Real Decreto-lei 2/2011 de 18 de febreiro titulado “para o reforzamento do sistema financiero”, que o goberno socialista daba un novo bandazo e plantexa a súa aplicación adiantada e ademais eleva as ratios de capital principal con relación aos activos ponderados e co engadido de que non o fai dun modo igualitario para Caixas e Bancos.
Levabamos varias semanas elucubrando sobre cal sería o destino que o executivo central decidira para as Caixas de Aforro e agora sabemos que os socialistas, sen contar coas autonomías con competencia na materia, decidiron acabar definitivamente con elas.
¿Resulta indiferente para Galicia? : Non, claro que non.
As orixinarias Caixas de Aforro galegas naceron no século IX e no primeiro terzo do pasado século e foron protagonistas do desenvolvemento económico e social de Galicia. Medraron grazas aos aforros xerado polos galegos, moitos deles enviados con gran esforzo desde a emigración.
Son hoxe un instrumento fundamental no financiamento da economía galega, máis necesaria aínda se cabe nunha situación como a actual de recesión e de dificultades financeiras. Ademais, a súa presenza é xeneralizada no noso territorio, dando cobertura ao 98 % da población e canalizando o aforro ás necesidades de gasto das familias e das pequenas e medianas empresa. Tampouco se pode descoñecer a súa relevante función de dinamización social e cutural.
É un feito certo que as nosas Caixas inmersas nas tensións do sistema financeiro internacional, e nas moi especiais circunstancias da crise do noso país - un desemprego masivo e a exposición ao sector inmobiliario - víronse abocadas por propia supervivencia a sumarse a un proceso de fusión que necesariamente debe ser racional, ordenado e previsible.
O noso proceso de integración iniciouse non sen dificultades a primeiros do pasado ano e por fin chegou a firma da escritura fundacional da Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra – Novacaixagalicia - o 29 de novembro do pasado ano; non fai hoxe nin tres meses desde aquela data.
Desde o inicio do período respectáronse as orientacións e recomendacións do Banco de España e déronse todos os pasos para avanzar: superáronse as probas de resistencia, presentouse un plan de integración operativa, saneáronse os balances, alcanzouse un pacto laboral, comezou o proceso de redución no número de sucursais e de custos de estrutura etc. Todo avanzaba segundo a folla de ruta marcada polo supervisor e contaba co seu aval.
Ata fai tan só uns días, o 8 de febreiro o subgobernador do Banco de España e presidente do FROB recoñecía no Congreso que o proxecto de integración de Novacaixagalicia é “consistente e viable”. E engadía, na medida en que se cumpra o compromiso asumido pola caixa de realizar os desinvestimentos contempladas no plan de investimento que dura todo o ano 2011.
Se todo estábase facendo conforme ao guión ¿por que se cambian as regras de xogo a metade da partida, e por que non todos manexan as mesmas cartas?
Unha vez máis a norma citada, ademais de discriminatoria, tampouco é clara e deixa flecos abertos á interpretación. E é aquí onde veremos unha vez máis se o Goberno socialista e o Banco de España están dispostos a posibilitar a viabilidade do noso proxecto.
Os próximos días serán decisivos. "