miércoles, 23 de febrero de 2011

Reclamo explicacions sobre a EDAR de Ourense


Hoxe na Comisión de Medio ambiente do Congreso dos Deputados formulei unha pregunta ao Secretario de Estado de Medio Ambiente e Auga, Josep Puxeu, sobre a situación actual do proxecto da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ourense, que deberá substituír á actual, inaugurada en 1995 e que presenta importantes problemas estruturais e operativos como a capacidade de tratamento e un deseño obsoleto en varios dos procesos e tamén as vicisitudes legais que remataron ca orde de peche.

Na intervención denunciei os grandes atrasos acumulados por esta obra e fixen un repaso das actuacións dos últimos anos baixo mandato do goberno socialista:

- Recordei como o 24 de xullo de 2008 o Alcalde e o Presidente da C.H. Miño-Sil deron a coñecer que a nova EDAR estaría situada en Reza e a tan só 250 metros augas abaixo entre o final da actual planta e o coñecido como parque de Outariz e que custaría uns 60 millóns de euros.

- Lembrei como o 7 de setembro de 2008 o alcalde de Ourense estimaba que a nova depuradora podería entrar en funcionamento a finais de 2011 e como o 27 de novembro de 2008 o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, dicía que a súa previsión era que as obras licitaríanse en 2009 e comezarían en 2010.

- Falei de que o 7 de decembro 2009 recibin resposta do Goberno a unha pregunta parlamentaria sobre a EDAR de Ourense na que o Executivo afirmaba que “o anteproxecto xunto co preceptivo estudo de impacto ambiental estaría finalizado en febreiro de 2010”, e na que nos confirmaba que “se prevé que o inicio do proceso de licitación do correspondente contrato de elaboración do proxecto da nova EDAR de Ourense tería lugar no ano 2011”.

- Pero o certo foi que houbo que agardar ata o 2 de xuño de 2010 para que a CHMS ditara Resolución pola que se acordaba someter a información pública o anteproxecto da EDAR e a relación de bens e dereitos afectados.

Dixen ao Sr. Puxeu que que desde aquela data descoñecemos as respostas dadas ás alegacións presentadas por particulares e organismos á exposición pública do anteproxecto para a nova e depuradora.

Igualmente, apuntei que hoxe non se sabe nada da posterior tramitación da declaración de impacto ambiental, obrigatoria polo volume dunha instalación que supera a previsión de uso por unha poboación de máis de 160.000 persoas, como tampouco se sabe nada sobre cando terá lugar a licitación do proxecto e das obras, nin tampouco sobre canto durarán as mesmas.

Fianlmente reclamei ao Goberno que concretara o financiamento deste proxecto, cuxo custo total segundo as últimas estimacións chegará aos 66 millóns de euros, e pedin unha vez máis explicacións sobre a falta de cumprimento orzamentario das partidas consignadas nos últimos anos.

Neste sentido, recordei que en 2008 non se executou nin un só euro dos 3,8 millóns orzados, en 2009 quedaron sen executar 7 millóns, e en 2010 tan só gastáronse 10.763 € dos 4,7 millóns orzados. En total, en tres anos quedaron sen gastar 15 millóns de euros orzados e está por ver en 2011 canto se executará dos 4 millóns de consignados. Pedinlle que asegurara a financiación dos fondos FEDER.

O Sr. Puxeu deu explicacions e concretou que a intención do Goberno era que a Declaración de Impacto Ambiental e a licitación do proxecto se levaran a cabo este ano, unha resposta que considero absolutamente insuficiente pois non precisa cando terá lugar a licitación das obras e cando rematarán.

No turno de réplica pedin ao Secretario de Estado que aceleraran os trámites deste proxecto da EDAR de Ourense, que pola demora que acumula, é unha expresión clara da falta de xestión do Executivo socialista, que ten a responsabilidade exclusiva de impulsar esta depuradora, ao estar cualificada como de “interese xeral”.