Logo acudín ao tanatorio onde dei o pésame á súa nai, á súa esposa e ao seu gran amigo Afonso Vázquez-Monxardín.
Marcos foi un home bo, admirable, comprometido, tolerante e dialogante, un referente cultural e ético para Ourense.
Quero recodarlle neste momento coa miña colaboración no libro homenaxe "O valor da xenerosidade” que saía á luz en maio de 2009.
"Se digo Ourense, digo Marcos"
" Nacemos na cidade das Burgas en 1958, no ano en que se promulgaban ante as Cortes as Leis Fundamentais do Reino, namentras que na nosa província o gran acontecemento era a inauguración oficial da liña ferroviária no tramo entre Ourense e O Carballiño.
Ambos os dous tivemos tamén en común o feito de ser fillos de comerciantes con establecementos abertos no casco antigo da cidade e por certo ben preto, na Rua da Paz, a tenda de calzado da miña família e na de Santo Domingo a xoiería da súa.
Gozamos logo da oportunidade de compartir formación e diversión no Colexio Marista Santa Maria – inaugurado tamén no citado 1958 – ata o fenecido COU, que el cursou no Instituto mentres que eu fun recalar ao Colexio Concepción Arenal.
Perdemos contacto despois daqueles felices anos e volvémolo retomar ao regreso dá Universidade cando comecei a exercer a miña profesión de avogado e traballar tamén como vicesecretario na Cámara de Comercio e Industria de Ourense.
Foi a raíz do meu labor nesa Corporación cando recibín un dia a sorpresa de que Marcos informábame de que o cinco de febreiro de 1993 a Mesa póla Normalización Lingüística concedera o premio “Paspallás 1992” á Comisión de Comercio Interior da Cámara de Comercio e Industria de Ourense “pólo seu labor destacado de promoción e normalización do galego na actividade comercial”.
Naqueles tempos o galego estaba moi alleo á actividade comercial e algúns participabamos na tarefa normalizadora – sempre animada por referentes galeguistas como Marcos – promovendo cursiños de galego para comerciantes, fomentando a súa utilización pólas asociacións comerciais e mesmo que a publicidade institucional da Cámara levara o topónimo Ourense.
Desde hai décadas veño seguindo a impecable traxectoria humana e profesional de Marcos, converténdome en asiduo lector das súas colaboracións periodísticas e dos seus libros e traballos.
En maio de 1998, co gallo do dia das Letras Galegas dese ano mercaba o seu libro ”Pé das Burgas” que el me dedicaba para, segundo dicía, “animar os descansos do lecer do farragoso traballo parlamentario”. Daquela eu acababa de comezar a miña xeira na política e era Vicepresidente do Parlamento de Galícia.
Remato, ninguén entenderia o mundo de hoxe sen Google, o motor de pescuda en internet máis grande e máis usado.
Coido que Marcos, pólo gran esforzo e traballo despregado na súa vida é a "version ourensá de Google", é dicir, o buscador mais importante das nosas raíces, que nos achega á historia, á literatura, ao xornalismo.
Achéganos ao mundo dos grandes escritores e pensadores ourensáns, achéganos á nosa atractiva historia local, axúdanos a entender o sentimento galeguista e tamén a coñecer con paixón os poetas que cantaron a Ourense cono na súa obra “Craro rio e verde Val”, entre outros a Pura Vázquez, co seus poema “Se digo Ourense”, que me dá pé para o título deste escrito.