Hoxe os deputados galegos do Partido Popular presentamos de forma conxunta unha batería de preguntas para esixir ao ministro de Fomento, José Blanco, que concrete o anuncio feito o pasado fin de semana dunha macro licitación de 6.000 millóns de euros para obras en Galicia.
Esiximos a Blanco que explique se neses 6.000 millóns inclúense os 3.100 que, de acordo co Pacto do Obradoiro, téñense que licitar antes de finalizar 2010 nos tramos pendentes do AVE, xa que, de ser así, isto suporía demorar o cumprimento íntegro do acordo que fixa o calendario do tren de alta velocidade en Galicia.
Para os deputados galegos do PP, resulta sorprendente e ata indignante que se fagan estes anuncios en mitins e inauguracións propagandísticas de fin de semana, sobre todo tendo en conta que a pasada semana, en sede parlamentaria, pedíronse as oportunas aclaracións sobre os proxectos galegos con ocasión das comparecencias dos altos cargos de Fomento e de ADIF para explicar os PGE do 2011 e as licitacións pendentes e non se obtivo resposta concreta algunha.
Estamos xa fartos dos constantes deslizamientos orzamentarios do Goberno, que restan credibilidade aos orzamentos socialistas e prexudican o avance dos proxectos. Neste sentido valga como exemplo que para a LAV Olmedo-Lubián-Ourense ADIF programara investir en 2011 un total de 300 millóns de euros nas tres provincias (Valladolid-Zamora e Ourense), pero a realidade é que, ao final, só orzou o 33,02 %, un total de 99,071 millóns, polo que así se deslizan as sumas non orzadas a exercicios futuros, e ponse en serio perigo os prazos comprometidos.
Pero é que en 2010 ADIF orzou para esta liña de Alta Velocidade nestas tres provincias un total de 118 millóns de euros e agora esta entidade admitiu que non investirá máis que o 25 %, tan só 30 millóns.
Por todo isto, demandamos ao Ministro de Fomento que deixe de facer anuncios propagandísticos durante as inauguracións e os mitins de fin de semana e proceda á licitación dos compromisos adquiridos no Pacto do Obradoiro e preguntamos se está o Ministro de Fomento en condicións de concretar os prazos e importes das obras do Plan Extraordinario de Infraestruturas que non están debidamente dotadas nos PGE do 2011, como, entre outras, a ampliación da AP-9 en Santiago, ou as autovías Vigo-Pontevedra e Guntín-Ourense.
Os deputados galegos do PP no Congreso subliñamos que, a día de hoxe, do Plan Extraordinario de Infraestruturas (PEI) de colaboración público privado, anunciado tantas veces por Fomento, non se coñece máis que unha mera relación de obras das que non se saben prazos nin contías e queren saber como se compadece o recente anuncio do ministro de Fomento dunha macro licitación de proxectos de infraestruturas de Galicia coas escasas consignacións que se evidencian no proxecto de lei de PGE para 2011.
Recordamos que o Goberno, debido aos seus clamorosos erros orzamentarios de exercicios anteriores, está reclamando a Galicia 2.600 millóns de euros e que, a pesar disto, non tivo problema algún en presentar no Congreso uns PGE para o 2011 que destinan á nosa CC.AA. un investimento de 1.550.457,48 millóns de euros, un 22,66 % menos que o ano anterior e que non é, nin sequera, unha terceira parte do que o Executivo de Zapatero debe a Galicia tras deixar sen executar máis de 5.000 millóns comprometidos nas contas públicas entre 2004 e 2010.
http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/louzan-ve-paralisis/idEdicion-2010-10-14/idNoticia-600061/