jueves, 28 de octubre de 2010

Apoiar a reactivación de Vulcano e o mantemento dos postos de traballo

Hoxe participei no faladoiro matinal de Radio Voz que dirixe Antía Leal e na que ademais do xornalista Ernesto Sánchez Pombo, están os meus colegas parlamentarios Francisco Jorquera e Xabier Carro.

Falamos de tres temas: o informe Ardán sobre a economía galega de 2008, os problemas do sector naval e o primeiro “man a man” entre Rubalcaba e Saénz de Santamaría na sesión de control de onte.

Respecto do citado informe económico de 2008 dixen que é un informe de calidade contrastada pero que actualizado a data de 2010 presentaría uns resultados máis negativos e preocupantes, aínda que os datos de Galicia fosen mellores que os da media de España. Referinme aos problemas do sector financeiro que se trasladan ao mundo empresarial e que limitan a capacidade de financiamento da nosa economía e repetín unha vez máis que é posible e ademais necesaria outra política económica en España.

Respecto do sector naval falamos dos problemas de Vulcano e en concreto da negativa mostrada por Pymar e o Ministerio de Industria a apoiar a operación de financiamento que permitiría rematar o buque sísmico 533 o que supón o abandono de esta trascendente compañía da construcción naval galega por parte desta sociedade e do Goberno central, que non tiveron en conta o obxectivo de reactivación do estaleiro vigués e o mantemento dos postos de traballo.

Recordei que a Xunta, apostando fortemente o Conselleiro Javier Guerra, foi a única que votou a favor de apoiar a operación de financiamento para a reactivación de Vulcano con un compromiso de aportación de 16,7 millóns de euros de financiamento para o remate do aludido buque.

E finalicei dicindo que contrastaba moito esta negativa do Goberno central e desta sociedade de estaleiros a avalar esta operación con tan só 4,8 millóns de euros, cando é o Goberno socialista o que se está envorcando con outros sectores e cos problemas doutras Comunidades Autónomas.

Desde o GPP os deputados galegos, como onte Arsenio Fernández de Mesa no debate dunha PNL sobre o tema, apoiamos a reactivación de Vulcano e o mantemento dos postos de traballo.

Como terceiro tema do faladoiro abordamos o debate de onte entre o Vicepresidente Rubalcaba e a nosa portavoz, e recordei o contido da pregunta e a resposta nos termos que xa expoño na miña entrada de onte neste mesmo blog.

A miña idea final é que a situación de España é tan crítica que non se vai a resolver por políticas de mercadotecnia ou de comunicación, por moi ducho que nesas materias sexa o Sr. Rubalcaba. O que queren os parados, ou os pensionistas ou os autónomos, non son slogans nin mentiras, o que queren son solucións efectivas e políticas eficaces.

 Xusto as que non proporciona o goberno socialista de Zapatero.