sábado, 8 de mayo de 2010

En autovía ata onde o mundo se chama Celanova

Hoxe, viaxei a Celanova para asistir o acto de inicio das obras da nova autovía AG-31 entre Ourense e Celanova que terá preto de 19 quilómetros, e que cando entre en servizo permitirá facer esta conexión en quince minutos. Supón un investimento de 112,2 millóns de euros.

Co obxectivo de dar continuidade ao trazado desta autovía e mellorar a conexión viaria co resto dos concellos da Terra de Celanova e da Baixa Limia, o contrato iniciado inclúe tamén os traballos de acondicionamento e mellora da seguridade vial do treito entre a Autovía de Celanova e Lobios. Para esta actuación está prevista unha dotación orzamentaria de 14 millóns de euros.

En primeiro lugar interveu o conselleiro Agustín Hernández que destacou que O Goberno actual traballa na procura do reequilibrio territorial, dunha maior aproximación entre o conxunto das comarcas e concellos de Galicia e que aposta polo interior como o acredita o feito de que dos 46,43 quilómetros de vías de altas prestacións inauguradas dende o mes de abril de 2009, un 84% foron nas provincias do interior.

Pechou o acto o Presidente da Xunta que afirmou que esta autovía responde ó intento de “fusionar Galicia”, para acadar unha terra “soñada polos nosos antepasados”, e lembrou que unha comunidade de menos de tres millóns de habitantes non pode estar dividida nin subdividida, sinalando a obriga dos seus habitantes de “mirarse entre eles para facer unha Galicia máis forte”.