miércoles, 19 de mayo de 2010

Recorte ás infraestructuras de Galicia


Hoxe estiven na Comisión de Fomento do Congreso onde tivo lugar a comparecencia do Ministro de Fomento que anunciou que debido ao Plan de Axuste previsto polo Goberno, as actuacións tanto en estradas como en ferrocarrís van sufrir un atraso medio de polo menos un ano nos prazos de execución. E dixo que dese atraso vanse salvar aquelas obras que podan licitar ou complementar a través do Plan Extraordinario de Colaboración Público-Privada, pero sen desvelar a cales proxectos lle afecta.

Tamén José Blanco dixo que se van a axustar as obras públicas e que haberá casos nos que sexa preciso reprogramar os investimentos, de forma que se chegue a pospor, suspender e ata anular, algúns dos contratos en execución. Anunciou que se vai a levar a cabo unha redución do investimento de 6.400 millóns de euros entre 2010 e 2011. Durante 2010, vanse a recortar, como mínimo, 3.200 millóns de euros, e previsiblemente esta cantidade non será inferior en 2011, polo que será preciso "reformular todo o programa de investimento.

Polo que se refiere a Galicia manifestou que ó igual que no resto das Comunidades haberá recortes e limitouse a dicir que o tramo Ourense-Santiago de alta velocidade concluirá nos tempos previstos, en concreto no 2011, pero non aclarou se o compromiso da chegada do AVE a Galicia mantense para o 2015 o se demorará un ano mais. Mais expliicto foi cando dixo que non se farían dous dos AVES do Plan Galicia: AVE do Cantábrico e o AVE Ponferrada-Valdeorras-Monforte

Ao meu xuízo resulta inaceptable que o ministro de Fomento, José Blanco, intente agora responsabilizarnos a todos da necesidade de recortar os compromisos asinados con Galicia para a Alta Velocidade escudándose na necesidade de adaptar a planificación de obra pública coma se as decisións dos últimos anos dos distintos Gobernos socialistas non tivesen nada que ver con el.

Creo que o desmedido empeño de Blanco por intentar lavar a súa imaxe lévalle a esquecerse de que a situación concreta de España nesta crise débese, nunha altísima porcentaxe, a que as decisións do Goberno socialista non foron as correctas e recórdolle que se a programación do PEIT era tan desproporcionada para os parámetros económicos do noso país como hoxe aseguran é responsabilidade dos socialistas e del mesmo, que foron os que o deseñaron.

Agora di que en España non podíamos demandar uns servizos públicos tan por encima do que hai en Europa e fai moi poucas semanas presumía deles. Isto é igual que cando quixo convencernos a todos os galegos de que a culpa de que o AVE estivese gardado nun caixón durante cinco anos non era do seu Goberno senón de todos por vivir nunha huída cara adiante.

Ao meu xuízo é inaudito que Blanco intente chamar insolidarios aos que reivindican xustamente compromisos asinados por el mesmo e aseguro que os galegos non poden estar unha e outra vez sufrindo as consecuencias das constantes mentiras dos socialistas. O ministro non para de recoñecer que as actuacións dos seus compañeiros de partido foron erros, hónralle, pero o certo é que a efectos prácticos para os galegos máis lle honraría non ser cómplice desas mentiras e cumprir a súa palabra de que Galicia sexa obxectivo prioritario.

Como galegos, gustaríanos que en lugar de pedirnos perdón tantas veces polos erros do seu partido e goberno socialista xestionasen doutra forma para que non tivesen que arrepentirse cada poucos meses.

Vexo como absolutamente inxusto que Galicia volva pagar como as demais cando outras comunidades si se viron beneficiadas no seu día por ese afán investidor que hoxe Blanco cualificou de desmedido mentres que Galicia nunca o foi.

A única conclusión clara desta comparecencia - na que o ministro eludiu facilitar datos concretos sobre prazos e proxectos - é que o AVE chegará aínda máis tarde a Galicia do comprometido polo propio Branco e que os galegos debemos dicir adeus ao AVE do Cantábrico e á liña Ponferrada-Monforte, o que nos parece un exercicio de inxustiza mantida.

Recordo que o hoxe ministro de Fomento foi durante anos o responsable da política do Partido Socialista e o home na sombra do presidente Zapatero, e xa que logo Blanco ten unha enorme responsabilidade en todo o que sucedeu e foi copartícipe dos distintos gobernos socialistas e, xa que logo, de que España teña un desproporcionado déficit do 11% que agora hai que atallar.

É irónico que pretenda presentarse como o único socialista de todos os tempos que di sempre a verdade e que presuma de asumir o custo político das súas decisións cando o que fai en realidade é intentar manipular aos cidadáns convencéndolles de ata agora fixéronse as cousas mal na planificación de obra pública e el vese obrigado a arranxar o problema.

É bo sinalar que reivindicar o que é xusto para Galicia non é instalarse no victimismo, que é como o ministro cualificou aos que se queixaban dun recorte que debemos pagar todos cando os responsables da planificación foron os socialistas. Por outra banda o anuncio do plan de financiamento público-privada das infraestruturas non é máis que un artificio para intentar aprazar os pagos ata o 2014, o que fará que os que vingan detrás teñan que facerlles fronte.

Finalmente, vexo moi preocupante o feito de que o ministro Blanco non estea disposto a dar a batalla ante o Goberno de Portugal para que reconsidere a súa decisión de concentrar os fondos comunitarios na conexión por AVE con Lisboa. Cremos que conectar vía AVE Vigo e Porto é irrenunciable.