lunes, 15 de marzo de 2010

Subida do IVE : repercusións para a economía e o emprego

O xornalista da Rexión, Héctor Díaz, propúxonos fai días a tres deputados reflexionar sobre a subida do IVE e as súas repercusións para a economía e o emprego, e que deron lugar aos artigos cuxo enlace cito ao final.

A continuación e de modo máis amplo expoño a miña posición ao redor de catro cuestións.

¿É necesaria a subida do IVE en España?

Rotundamente non. O Goberno afirma que se recadará máis. Iso está por ver, o IVE subiu tres veces en España, dúas en 1992 e outra máis en 1995. Todas elas baixo Gobernos socialistas. O efecto sobre as arcas públicas foi mínimo. Nunha situación de crise, co consumo caendo e cunha tendencia de certas bases fiscais á economía mergullada, tanto entón como agora a capacidade de recadación é limitada.

¿Como afectará esta subida á economía?

Provocará unha subida de prezos xeneralizada, que vai afectar sensiblemente ao poder adquisitivo de asalariados, de pensionistas e dos parados ou alternativamente. Se é o sector empresarial o que absorbe esa subida, teremos unha redución de marxes insoportable en gran parte dos nosos sectores económicos. Á fin e ao cabo, a subida do IVE vai ter un efecto inmediato, ben coñecido: redución do consumo e redución do investimento empresarial; xusto o que nós necesitamos para saír desta crise.

¿E como afectará ao emprego?

Moi negativamente, ao caer máis o consumo produciranse máis peches de empresas e incrementarase o paro que xa se achega ao 20 %. No PP opómonos radical e frontalmente porque as subidas de impostos xeran parados e a eses parados vai haber que atenderlles, co que se aumenta o círculo vicioso.

¿Hai alternativas a esta subida?

As políticas socialistas sempre foron as mesmas: aumentar o gasto, o que nos levou a unha situación sen saída dentro da economía española, máis recesión e paro. Por iso hai que adoptar medidas efectivas para controlar e reestruturar o gasto público.
Hai que pór en marcha políticas que fomenten a actividade económica, o investimento empresarial, que dean confianza aos axentes económicos que poidan ver as perspectivas cun futuro, e a primeira confianza é que non se lle suban os impostos porque a débeda pública e o déficit público , 11,4 %, son insostibles.
Se non temos iso, se non temos un sistema financeiro que sexa capaz de canalizar o aforro, que é necesario, cara a ese investimento, que é aínda máis necesaria, será imposible que salgamos desta crise.
http://www.atlantico.net/noticia/99351/galicia/gobierno/subida/iva/

http://www.laregion.es/noticia/119506/galicia/gobierno/subida/iva/