jueves, 5 de noviembre de 2009

O Goberno di non os 600 millóns de euros que os deputados populares pedíamos a maiores para Galicia.

O PSOE novamente deu as costas a Galicia e só destinará á Comunidade galega un 3,75% do aumento do investimento que vía emendas do seu propio grupo incorporou aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para o 2010.

Lamentamos que o Executivo de Zapatero non teña en conta o altísimo nivel de inexecución orzamentaria dos últimos anos en Galicia e non compense á Comunidade cun maior investimento. Os socialistas rexeitaron a totalidade das emendas presentadas e dixeron non aos 600 millóns de euros que os deputados populares pedíamos a maiores para Galicia.

O máis grave é que os socialistas, a pesar de haberse autoenmendado para pedir máis investimento para a Comunidade, non pediron un só euro máis dos 40 millóns previstos para a entrada da Alta Velocidade en Galicia, unha cantidade de xeito evidente insuficiente. Esta decisión do Executivo demostra que o Goberno segue marxinando o ferrocarril en Galicia, xa que tampouco consignan un só euro máis para ningunha liña convencional nin para a longa distancia nin para cercanías.
Novamente vemos como soben as partidas para Canarias, País Vasco ou Cataluña e Galicia temos que conformarse coas migallas.

Recordemos que pediamos un incremento de 600 millóns repartido da seguinte forma: 201 millóns para obras do Plan Galicia, 298 para outros investimentos do Ministerio de Fomento, 71 para investimentos do Ministerio de Medio Ambiente e Rural e 29 doutros Ministerios.
Criticamos tamén que os socialistas non valoren a necesidade dun Plan de Emprego específico para a Comunidade, para o que pediamos 12 millóns de euros, sobre todo tendo en conta os últimos datos nos que se reflicte que o paro creceu en Galicia en valores absolutos en 8.458 persoas, o que supón, en valores porcentuais, un aumento do 4,22% con respecto ao mes anterior.
Finalmente, lamentar que ante a caída do investimento dos PGE en temas ambientais, que alcanza en Galicia o 49 %, os socialistas non apoien nin unha soa das emendas do PP para incrementar as partidas destinadas a actuacións nas costas e praias galegas, así como as presentadas para incrementar as contías previstas para infraestruturas hidráulicas como as EDARES de Vigo, Ourense, Santiago, Ferrol e A Coruña ou para os saneamentos e abastecementos de augas de diversas cidades.