martes, 17 de noviembre de 2026

O PP denuncia ante a Xunta Electoral Central que o PSOE utiliza a Subdelegación do Goberno en Ourense para dar subministración eléctrica á súa instalación de campaña

 Os candidatos do Partido Popular ao Congreso dos Deputados por Ourense, Ana Belén Vázquez e Roberto González, denunciaron hoxe a utilización partidista da Subdelegación do Goberno en Ourense, ao asegurar que o contedor instalado polo PSOE en pleno centro da cidade con motivo da campaña electoral recibe subministración eléctrica desde este edificio público.

 

Os candidatos populares amosaron o cable que conecta a instalación electoral socialista coa Subdelegación do Goberno, unha situación que o Partido Popular puxo esta mesma mañá en coñecemento da Xunta Electoral Central mediante a presentación dunha denuncia.

 

“Durante estes anos, o Partido Socialista utilizou como se fosen o seu propio cortijo as institucións de todos os españois e hoxe tamén as de todos os ourensáns”, sinalaron os populares.

 

Vázquez e González cuestionaron que a representación do Goberno de España na provincia permita que unha instalación de propaganda electoral, coa imaxe de Pedro Sánchez, se abasteza de electricidade desde un edificio público.

 

“A Subdelegación do Goberno permite que este contedor coa cara de Pedro Sánchez estea instalado en pleno centro de Ourense, cunha participación claramente partidista a favor do Partido Socialista”, advertiron.

 

Ante estes feitos, o Partido Popular trasladou a situación mediante unha denuncia á Xunta Electoral Central para que se pronuncie sobre a utilización de recursos públicos con fins electorais e o cumprimento do deber de neutralidade das institucións durante a campaña.