miércoles, 25 de noviembre de 2026

Rueda pide tolerancia cero ante calquera tipo de agresión e alerta de que a violencia “ten moitas caras” pero un mesmo obxectivo: “controlar, someter e limitar a liberdade das mulleres”

 



Hoxe, 25 de novembro,  celébrase o Día internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia de avanzar na loita contra a violencia de xénero para adaptarse ás novas expresións desta lacra como a que se exerce nas contornas dixitais.

Durante o acto institucional para conmemorar o Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, celebrado na Coruña, Rueda pediu á sociedade tolerancia cero ante calquera violencia machista, tanto no espazo físico como no eido dixital. Neste último caso, lembrou que “controlar o móbil da parella, acosar nas redes sociais, crear perfís falsos ou difundir imaxes íntimas, falsas ou reais” son algúns exemplos da violencia dixital.

Por último, o presidente fixo fincapé na responsabilidade de toda a sociedade galega para acabar coa violencia de xénero e traballar en rede para facer fronte a este tipo de comportamentos xa que, lembrou, a violencia de xénero “ten moitas caras, pero o obxectivo é o mesmo: controlar, someter e limitar a liberdade das mulleres”.

A celebración en Ourense do Día internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, coincidindo coas datas da celebración do Día internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, visitou esta mañá o CPI Terras de Maside, onde o Centro de Crise 24 horas de Ourense está a desenvolver un taller para a promoción de accións de sensibilización, divulgación, prevención e formación dirixido aos escolares na loita contra a violencia sexual.

“A Administración educativa debe xogar un papel fundamental na prevención da violencia de xénero e de comportamentos e actitudes sexistas -con especial atención á violencia de xénero dixital-, na resolución dos conflitos e na aprendizaxe da convivencia baseada no respecto a todas as persoas”, subliñou Manuel Pardo, quen destacou o papel da comunidade escolar no fomento de actitudes, valores e capacidades que contribúan a un pleno desenvolvemento en igualdade.

O delegado da Xunta louvou o traballo dos Centros de Crise 24 horas na atención a vítimas de violencia sexual, e puxo en valor a importancia este recurso que, ademais de ofrecer unha atención especializada e integral ás vítimas, tamén ofrece asesoramento e acompañamento. Emprazado no PAC (Punto de Atención Continuada) da rúa Concello, este centro conta con profesionais multidisciplinais especializados na atención psicolóxica, social e xurídica, que garanten unha rápida atención ás vítimas e evitan a revitimización, converténdoo nun punto de referencia na loita contra a violencia machista na provincia.

O representante autonómico lembrou que o obxectivo da Xunta coa apertura destes recursos é que ningunha muller se sinta soa nin desprotexida ante unha situación de violencia sexual e resaltou que, neste sentido, o Executivo galego está potenciando a colaboración e cooperación doutros recursos autonómicos, como os centros de información á muller (CIM), CIM móbiles e o centro de recuperación integral (CRI), cos centros de crise. Todo, lembrou, como parte do compromiso do Goberno galego coa erradicación da violencia contra as mulleres. 

Nesta liña, salientou que Galicia foi o primeiro territorio do Estado en ofrecer unha prestación económica periódica anual para todas as vítimas e lembrou, entre outras medidas, a activación dos cinco centros de crise 24 horas, a elaboración dun protocolo específico para combater a violencia machista nas mulleres con discapacidade e doutro con pautas de actuación para as policías locais e a creación da primeira rede de empresas na loita contra a violencia de xénero. 

Por último, aproveitou a súa estadía no colexio o delegado da Xunta para felicitar aos traballadores deste Centro de Crise 24 horas polo labor que desenvolven cada día na atención, protección e acompañamento ás mulleres vítimas de violencia; e recalcou que esta é unha loita de toda a sociedade na que é fundamental contar coas ferramentas e os recursos para previr, detectar e actuar fronte a posibles casos.