domingo, 11 de octubre de 2026

No terceiro trimestre de 2026 43,14% dos fogares galegos recorreu a marcas brancas ou produtos en oferta para reducir gastos



Esta semana o Instituto Galego de Estatística deu a coñecer a Enquisa conxuntural a fogares, correspondente ao terceiro trimestre de 2026


Principais resultados

  • O indicador de confianza do consumidor situouse en -12,84 puntos no terceiro trimestre de 2026, 2,01 puntos menos que no trimestre anterior.
  • O 43,14% dos fogares recorreu a marcas brancas ou produtos en oferta para reducir gastos, e o 25,07% diminuíu outros gastos comúns.
  • O 47,92% dos fogares prevé aforrar algo nos próximos tres meses, 6,07 puntos máis que no mesmo trimestre de 2025.

1 Indicador de confianza do consumidor


No terceiro trimestre de 2026, o indicador de confianza do consumidor (ICC) situouse en -12,84 puntos, o que supón unha diminución de 2,01 puntos respecto ao trimestre anterior. A evolución das catro compoñentes foi desigual: a situación financeira persoal apenas variou (+0,07 puntos) e a capacidade futura de aforro mellorou 3,37 puntos, mentres que as perspectivas sobre a situación económica de Galicia e sobre a evolución do desemprego empeoraron 5,62 e 5,85 puntos, respectivamente.


2 Medidas económicas tomadas polos fogares nos últimos tres meses


No terceiro trimestre de 2026, o 43,14% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, recorrendo a marcas brancas e produtos en oferta, a medida máis frecuente para reducir gastos. A segunda medida máis habitual foi diminuír outros gastos comúns distintos da alimentación, como roupa e calzado, transporte, gas ou electricidade, adoptada polo 25,07% dos fogares. Ademais, o 6,18% recibiu axuda económica de familiares ou amizades, o 3,87% tomou medidas financeiras e no 1,62% dos fogares algún membro comezou a traballar ou ampliou a súa xornada.


O 10,20 % dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses. Considéranse como extras os gastos destinados a vacacións ou viaxes, a facer fronte a imprevistos ou grandes compras, a gastos extraordinarios en alimentación, roupa ou calzado, á contratación de novos servizos para o fogar ou a actividades de ocio. Tamén se inclúe nesta categoría a capacidade de aforrar, a redución de horas de traballo ou que algún membro do fogar se permitise deixar de traballar.


3 Medidas económicas que esperan realizar os fogares nos próximos tres meses


Nos próximos tres meses, o 71,85% dos fogares de Galicia ten previsto destinar parte do seu orzamento a actividades de ocio, como saír a cear, ir a cafeterías, ao cine ou ao teatro. O 47,92% espera aforrar algo de cartos, o 31,55% prevé realizar gastos extraordinarios en alimentación e o 28,63% anticipa gastos para afrontar imprevistos ou grandes compras.


En comparación co trimestre anterior, diminuíron todas as previsións de gasto e aforro recollidas na táboa, especialmente as de gastos extraordinarios en alimentación (-4,95 puntos) e vacacións ou viaxes (-4,60 puntos). Respecto ao terceiro trimestre de 2025, aumentou a proporción de fogares que prevé gastos extraordinarios en roupa ou calzado (+7,75 puntos), afrontar imprevistos ou grandes compras (+6,17 puntos) e aforrar (+6,07 puntos). Pola contra, descendeu a previsión de gastos extraordinarios en alimentación (-18,22 puntos).


4 Compra de vivenda

No terceiro trimestre de 2026, o 15,16% dos fogares galegos tiña comprada e estaba pagando a súa vivenda principal. Esta porcentaxe aumentou 0,47 puntos respecto ao trimestre anterior (14,69%) e 2,24 puntos respecto ao mesmo trimestre de 2025 (12,92%). A serie recollida no informe presenta unha evolución ascendente nos cinco trimestres considerados.


https://www.ige.gal/estatico/estatRM.jsp?ruta=html/gl/OperacionsConxunturais/ECF_3T2026.html