lunes, 26 de octubre de 2026

A Xunta multiplica por dez o orzamento para a construción de vivenda pública desde o inicio da lexislatura


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, salientou hoxe que a Xunta multiplica por dez o orzamento para a construción de vivenda pública desde o inicio da lexislatura e blinda a protección de todas as vivendas de Casa47 na nosa Comunidade.  

Durante a súa comparecencia na Comisión 3ª no Parlamento para explicar os Orzamentos da Consellería, subliñou que as contas consolidan o compromiso da Xunta co acceso á vivenda,  a mellora das infraestruturas e unha ordenación territorial que contribúa a xerar oportunidades en todo o territorio.

 

Allegue explicou que o orzamento da Consellería medra un 5%, pasando dos 560M€ aos 588M€. Ademais, precisou que o orzamento concreto do Instituto Galego da Vivenda e Solo medra un 8,5%  ata chegar os 293M€.

 

Así mesmo, a mobilización de fondos para políticas de vivenda chega aos 800 M€ grazas aos 224M€ de VIPUGAL, que se incrementan un 188% respecto ao ano pasado; e ao orzamento do Consorcio do Casco Vello para rehabilitar vivendas do centro histórico.

 

Investimento histórico para construír vivenda


M. Allegue puxo o acento nos preto de 520M€, un 50% máis,  que se destinan especificamente ás políticas de vivenda. Destes, 326M€, o dobre que o ano pasado, se reservarán á construción de novos fogares de promoción pública, redobrando a aposta do exercicio anterior, multiplicando por dez a inversión desde o inicio da lexislatura.

  

Sinalou, tamén, que dos 520M€ que dispón a Xunta, 418M€ corresponden a fondos propios da comunidade autónoma, o 80 % do orzamento destinado ás políticas de vivenda, contando soamente  con 51M€ do orzamento a fondos finalistas do Estado, “menos dunha décima parte. Non chega ao 10%” e nin un só euro para a construción de vivenda.

 

Apuntou ao obxectivo da Xunta de alcanzar as 8.000 vivendas de titularidade pública en 2028, unha meta que se apoia na promoción directa do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), na actividade da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), na colaboración cos concellos e na mobilización de novas fórmulas para ampliar a oferta dispoñible.

 

Na actualidade, a Xunta ten 4.670 novas vivendas públicas en marcha, preto de 1.900 están en obras, e comezou a entregar as primeiras promocións en Pontevedra e Santiago de Compostela. Citou, ademais, a colaboración municipal como unha vías para seguir incrementando o parque público no 2027, mediante a cesión gratuíta de solo por parte dos concellos, xa son 18 os que xa cederon solo.

 

E adiantou como nova medida para 2027, a obriga de cualificar como protexidas as vivendas que sexan propiedade dunha Administración pública ou dunha sociedade pública, como Casa 47. Segundo dixo, esta medida permitirá garantir a súa protección permanente, un prezo taxado e a adxudicación a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda. En canto ao prezo, as rendas roldarían os 400 €., fonte aos pisos por 800€ que ofrece Casa47 en Vigo.

 

A conselleira lembrou tamén que a Xunta ten rexistradas 3.853 vivendas baleiras, das que preto do 61 % son propiedade da Sareb, e reiterou a reclamación ao Goberno central para que ceda estes inmobles á Administración autonómica co obxectivo de ampliar a oferta pública.

 

Nova reserva de vivendas públicas


Allegue salientou que, a partir de 2027, se reforzará os criterios de acceso á vivenda pública para dar prioridade ás persoas que levan máis tempo agardando por unha adxudicación.

 

Avanzou que se establecerá unha nova reserva de vivenda nas novas promocións públicas: O 20% para os que leven máis de 5 anos inscritos. Esta porcentaxe aplicarase tanto para o cupo xeral como para os cupos específicos.

 

Tamén,  todas as VPP que se adxudiquen de novo, unha vez acondicionadas e reformadas, serán adxudicadas directamente por orde de antigüidade no rexistro de demandantes.

 

En paralelo, a Xunta continuará facilitando o acceso á vivenda pública aos diferentes colectivos. Mantense a reserva do 25 % das vivendas protexidas en compra para menores de 36 anos e do 30 % para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos/as, así como a reserva do 40 % das vivendas en alugueiro para a mocidade. Mantense o límite de ingresos para acceder a estas vivendas ata 4 veces o IPREM, ou 4,5 veces no caso das familias numerosas.