O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xirou
hoxe visita a Valdeorras.
Primeiro visitou as instalacións da cooperativa
Viños Barco e coñeceu de primeira man os traballos de vendima que están
realizando. Calificou ao sector vitivinícola como estratéxico para Galicia e
confiou en que a vendima deste ano será abondosa e de excelente calidade en
toda a comunidade, segundo apuntan as previsións e sempre que non haxa incidencias
Como vén sendo tendencia nos últimos
anos, a vendima iniciouse antes do habitual pero as perspectivas coas que se
traballan é que se acadará unha boa produción, cunha excelente calidade.
Continuaríase así a tendencia do ano pasado, cando xa se rexistrou a segunda
colleita máis abondosa da década.
Na súa intervención, o titular do
Executivo autonómico puxo a esta adega -fundada a finais dos anos 50- como un
“perfecto exemplo” dun sector que soubo adaptarse aos novos tempos sen
abandonar os valores fundacionais. Segundo salientou o presidente, o sector
vitivinícola ten un peso insubstituíble como motor económico, na produción
agroalimentaria galega e tamén é unha “perfecta expresión desa Galicia Calidade
que hai que seguir mantendo para triunfar nun mundo tan competitivo”. Na
comunidade hai preto de 10.000 viticultores e máis de 440 adegas que elaboran
viño con algún selo de identidade.
Rueda sinalou que este foi un “verán
excelente desde o punto de vista turístico” e apostou por seguir poñendo en
marcha iniciativas coma esta, ben sexan adegas ou outros negocios, que
aproveiten as oportunidades que brinda o rural.
Mellora da estrada de Casoio a Riodolas
Tras esta visita, o presidente
desprazouse ata Carballeda de Valdeorras para manter un encontro con veciños e
empresarios da Lousa, así como para coñecer o resultado dos traballos que se
acometeron na estrada de Casoio a Riodolas e que contaron con financiamento do
Fondo de Cooperación Local da Xunta.
Tal e como destacou o titular do Goberno
galego, o acondicionamento desta vía foi considerado un proxecto estratéxico xa
que dá servizo a 25 explotacións activas de extracción e elaboración de lousa,
un sector fundamental para a comarca, a provincia e para toda Galicia.
A actuación foi financiada ao 50% entre
a Administración autonómica e o concello

