martes, 28 de julio de 2026

Rueda afirma a Xunta defenderá na Comisión Bilateral o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia sobre a transfrencia da AP-9


Onte na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente Alfonso Rueda, afirmou que o Goberno galego acudirá a negociar a transferencia da AP-9 tras a aprobación da lei que regula o traspaso, pero deixou claro que non aceptará asumir a xestión da autoestrada se non vai acompañada do financiamento necesario.

"É a nosa obrigación sentarnos a negociar", afirmou Rueda, insistindo en que a postura da Xunta non variou desde o inicio do proceso. "Ou garántese o financiamento adecuado, ou Galicia non pode aceptar esta transferencia",advertiu.

Reiterou que a comunidade galega non asumirá unha infraestrutura que, segundo sostén, podería supoñer "unha carga hipotecaria de 4.000 millóns de euros". Por iso, reclamou ao Gobierno central que acompañe o traspaso dos recursos necesarios para o seu mantemento e xestión.

Rueda utilizou unha recente expresión do ministro Arcadi España para esixir que a transferencia chegue "co lacito". "Igual que lle poñen o lacito a outras comunidades como Cataluña e País Vasco, Galicia quere exactamente o mesmo. Non quere máis, pero tampouco vai admitir moito menos", subliñou.

Insistiu que a Xunta defenderá na Comisión Bilateral o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, e sostivo que a lei pactada no Congreso por PSOE, BNG e Sumar non recolle integramente o que fora acordado por todas as forzas políticas galegas.