Ademais, incidiu en que o Ministerio, como vén sendo habitual, toma decisións que afectan directamente á mobilidade da cidadanía sen diálogo e sen ofrecer información ás comunidades. Nesta liña, lembrou que o Executivo estatal leva meses evadindo este asunto pese ás reiteradas peticións de información por parte da Xunta.
Diego Calvo lembrou que a Xunta vén defendendo desde hai tempo a necesidade de avanzar na substitución do ancho ibérico, que segue presente en máis do 80% da rede ferroviaria galega, polo ancho internacional, comezando polo tramo Santiago-Ourense e para unha posible extensión posterior conxunto do Eixo Atlántico. Por iso criticou que “o Goberno tome estas decisións desde un despacho en Madrid, sen falar coas comunidades afectadas como Galicia e descartando toda a rede sen darnos explicación algunha a pesares de que coñecen as nosas demandas”.
Tamén fixo referencia ás consecuencias que supón este rexeitamento a cambiar de ancho de vía para a esperada segunda liberalización ferroviaria, dificultando a posible entrada de novos operadores ferroviarios e consolidando a posición de monopolio de Renfe. Así, esta situación impide que Galicia poida beneficiarse das vantaxes que xa están a experimentar outros territorios, cunha maior oferta de servizos e prezos máis baratos para as persoas usuarias.
Pese a que o Ministerio considera inviable a migración ao ancho internacional, cómpre aclarar que a entrada de novos operadores mantendo o actual ancho ibérico require prazos prolongados para a construción e adquisición de trens con rodamento desprazable, ao que se suma o reducido número de fabricantes existentes; factores que subliñan o xa importante custo económico que supón para os operadores a entrada en novos mercados. Polo tanto, na práctica suporá converter o intercambiador de Taboadela nun muro cara a esperada liberalización.
Para o conselleiro de Presidencia, esta decisión demostra unha clara falta de interese do Goberno central por mellorar o sistema ferroviario e avanzar cara a unha integración cos estándares europeos, precisamente nun momento no que a interoperabilidade ferroviaria nos corredores ferroviarios europeos resulta fundamental para a competitividade e o desenvolvemento económico e loxístico dos territorios.
A Xunta reclama coñecer o contido íntegro do informe e os criterios empregados para chegar a esta conclusión, xa que se trata dunha decisión de envergadura e de gran transcendencia para o futuro da rede ferroviaria no Eixo atlántico que esixe unha análise rigorosa de cada liña contando coas achegas das comunidades e non cunha perspectiva xeral e a escala macro baseada sobre todo en parámetros económicos.
Ante esta situación, Diego Calvo anuncia que a Xunta trasladará formalmente por carta, tanto ao coordinador europeo do Corredor Atlántico, François Bausch como ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a preocupación do Goberno galego por esta decisión e solicitará explicacións sobre os criterios empregados no informe coñecido hoxe. De feito, lembrou que este asunto foi abordado con motivo da visita do coodinador a Galicia, quen manifestou ou seu interese polas demandas da Xunta.
Neste sentido, no que se refire á inviabilidade económica que alega o Executivo estatal para rexeitar o cambio de ancho de vía, o conselleiro lembra que cando existe vontade política mobilízanse importantes investimentos como é o caso do incremento das achegas ao Plan de Rodalies 2020-2030. Por iso, insiste en que Galicia non pode quedar á marxe dos grandes eixos europeos de transporte e merece o mesmo compromiso porque “non queremos ser máis que ninguén pero tampouco menos” e a cidadanía galega precisa e infraestruturas e servizos ferroviarios de calidade.
Diego Calvo reiterou o compromiso da Xunta coa defensa dos intereses de Galicia en materia ferroviaria e asegurou que o Goberno galego continuará reclamando as actuacións e investimentos necesarios para que Galicia ocupe o lugar que lle corresponde no Corredor Atlántico. No que se refire precisamente ao Plan Director do Corredor Atlántico, o Goberno galego segue sen coñecer os detalles, pese as continuas peticións de que se achegue un documento definitivo coas actuacións, investimentos e calendarios previstos en lugar do power point coñecido ata agora.
A falta de información sobre este documento e sobre o propio informe de migración do ancho de vía, ao igual que a falta de interlocutor directo con Renfe e Adif sobre as constantes incidencias ferroviarias na comunidade, demostran a ausencia de transparencia do Ministerio e a falta de compromiso coa Comunidade.
Para Galicia, o Corredor Atlántico é unha infraestrutura estratéxica e prioritaria absoluta e, nesta liña, vén reclamando que se desbloqueen obras fundamentais como a liña de alta velocidade Vigo-Porto e tendo en conta os retrasos acumulados. A esta urxencia súmanse outras infraestruturas pendentes e ineludibles para a vertebración do noroeste, como a finalización da dobre vía na conexión con Madrid, a Variante de Ourense e as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián en Lugo.
Ademais, no ámbito loxístico e de mercadorías, é necesario un maior apoio europeo para que os portos marítimos de Vigo e Ferrol sexan recoñecidos como infraestruturas esenciais na rede transeuropea, formando parte da Rede Básica (2030) e abandonando a súa actual clasificación na Rede Global (con horizonte a 2050).

.jpg)