O presidente da Xunta, Alfonso Rueda,
informou de que o Consello declarou hoxe Proxecto Industrial Estratéxico (PIE)
o desenvolvemento inicial do complexo industrial da empresa de fabricación de
vehículos chinesa SAIC en Galicia. O PIE inclúe a posta en marcha dunha zona
industrial no porto exterior de Ferrol, que suporía a creación inicial de 1.000
postos de traballo directos e doutros tantos indirectos, e dun centro
industrial e loxístico nas Pontes de García Rodríguez que permitirá a creación
de 300 empregos. “Vai ser o primeiro proxecto industrial da multinacional en
Europa”, salientou.
Na súa intervención, explicou que, desde
o primeiro momento no que a empresa mostrou interese por Galicia -outubro de
2025-, o Goberno galego desenvolveu un intenso proceso de diálogo coa
multinacional para coñecer as súas necesidades de implantación mediante
reunións de traballo que culminaron coa solicitude formal de SAIC para iniciar
a tramitación do que sería o seu primeiro proxecto industrial en Europa.
“Celebráronse moitas reunións entre a empresa e a Xunta”, indicou Rueda, quen
salientou que un dos motivos polos que SAIC elixe Galicia “é a ampla tradición,
punteira, que temos no sector da automoción, tanto na fabricación de vehículos
como de compoñentes”.
Pola súa banda, a conselleira de
Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou “a gran oportunidade
económica e industrial para Ferrolterra” e o conxunto da comunidade, logo do
compromiso da compañía chinesa de que gran parte dos compoñentes para os seus
vehículos “serán de fabricación local”.
Lorenzana agradeceu o traballo
desenvolvido tanto polo Igape, a través da Oficina Económica de Galicia, como
pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, en
colaboración cos responsables de SAIC.
No relativo aos trámites realizados,
Lorenzana destacou que en marzo, tras un intenso traballo, a Xunta de Galicia
considerou que o proxecto de investimento presentado por SAIC estaba
“suficientemente maduro” para ser remitido ao Goberno central, autoridade
competente para autorizar o investimento estranxeiro directo en España, ante o
que a compañía xa realizou a correspondente notificación para a súa aprobación.
Neste sentido, a conselleira sinalou que a cooperación foi do máis alto nivel
nas tres reunións de alto nivel celebradas en Madrid con representantes da
multinacional e do Goberno central.
