Esta mañá o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, afeou, ao BNG de sacar peito por asumir a transferencia da AP-9 a Galicia cunha factura de preto de 4.000M€. “Cambia o consenso do Parlamento pola submisa obediencia a Sánchez”, lamentou.
“Ao BNG non lle valía o texto redactado polos representantes lexítimos dos galegos, pero si lle vale un texto mutilado e ditado polo Goberno de Pedro Sánchez”, dixo o portavoz popular, para continuar apuntando que “se socialistas e nacionalistas galegos queren asumir a súa incapacidade para redactar un texto legal están no seu dereito”. Por iso, que o BNG fale de lealdade e de defensa do territorio e que, ao tempo, dea lección sobre o valor da palabra, supón para o portavoz popular un “espectáculo lamentable”, ademais dunha “traizón a Galicia”.
Pola contra, remarcou que nin o PPdeG nin a inmensa maioría dos galegos van “aceptar leccións de comprensión lectora de quen se recoñece incapaz para defender un texto escrito de puño e letra por Galicia”. Recordou o “acordo de país” que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade para acadar o que “por dereito nos corresponde: a transferencia da AP-9 libre e gratuíta”.
“Non é o texto de Galicia”, apuntou ao referirse ao acordo aprobado esta semana no Congreso, senón que é “o acordo triturado ao 95%” do que se votou na Cámara galega. É –engadiu- unha rendición en toda regra de quen presume ser fiel e firme defensor dos intereses dos galegos”.
O portavoz popular criticou, unha vez máis, que o BNG sexa socio dun goberno que aposte por “delirantes teorías conspiranoicas” e que intente facer crer á cidadanía que o ex presidente José Luis Zapatero é “vítima dun complot internacional”: “A única razón para que o señor Zapatero non dea explicacións é que non existe explicación algunha que non fira gravemente a ética e a legalidade”.
