No Pleno do Parlamento de Galicia de hoxe 17 de xuño de 2026 foi aprobada esta Proposición non de lei do Grupo Parlamentario “Sobre a proposta de resolución que se presenta verbo da tramitación da transferencia da AP-9 a Galicia e as demandas que a Xunta debe trasladar ao Goberno central nesta materia”
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España a garantir que a transferencia da AP-9 a Galicia:
1º- Respecte o texto aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia, preservando a integridade das competencias reclamadas pola Comunidade Autónoma.
2º- Non implique para Galicia a asunción de cargas económicas, débedas, compensacións ou responsabilidades derivadas de decisións adoptadas previamente polos distintos gobernos estatais en relación coa concesión da AP-9.
3º- Garanta que as bonificacións actualmente vixentes continúen sendo financiadas polo Estado e non recaian sobre os recursos propios da Comunidade Autónoma.
4º- Dote á Comunidade Autónoma de Galicia dos recursos económicos necesarios para ampliar as bonificacións das peaxes da AP-9, especialmente para vehículos pesados, familias numerosas e desprazamentos nocturnos, tal e como se recolle no punto 4 do artigo 1 da proposición de LO aprobada por unanimidade da cámara parlamentaria galega.
5º-A que financie, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, todas as actuacións e infraestruturas comprometidas ou necesarias para garantir unha explotación adecuada e un nivel de servizo axeitado da AP-9, tal e como se recolle no segundo parágrafo do punto 3 do artigo 1 da proposición de LO aprobada por unanimidade da cámara parlamentaria galega
6º A asumir calquera consecuencia económica derivada de decisións ou situacións alleas á responsabilidade da Xunta de Galicia que afecten ao contrato concesional da AP-9.tal e como se recolle no punto 5 do artigo 1 da proposición de LO aprobada por unanimidade da cámara parlamentaria galega.
7º- A asumir, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, a supresión da subida anual acumulativa do 1% das peaxes prevista no Real decreto 1733/2011, tal e como se recolle no punto 6 do artigo 1 da proposición de LO aprobada por unanimidade da cámara parlamentaria galega.
8º A asumir as obrigas económicas e financeiras no caso de que se declarase a nulidade das prórrogas mediante as que se acordou a ampliación do período concesional, tal e como se recolle na DA 3ª da proposición de LO aprobada por unanimidade da cámara parlamentaria galega.
9º- A garantir que no momento en que se transfira a competencia teña efectividade a transferencia dos medios humanos, materiais e orzamentarios necesarios, tal e como se recolle no artigo 2 da proposición de LO aprobada por unanimidade da cámara parlamentaria galega.
10º- Non supedite o alcance efectivo da transferencia a futuras negociacións bilaterais na Comisión Mixta de Transferencias que poidan desvirtuar ou limitar o mandato aprobado polo Parlamento de Galicia.
11º- Recoñeza a plena capacidade da Xunta de Galicia para a xestión integral da infraestrutura, incluíndo a planificación, explotación, conservación e definición da política tarifaria da autoestrada.
12º- Remita á Xunta de Galicia toda a información económica, xurídica e concesional vinculada á AP-9, garantindo a máxima transparencia sobre as obrigas derivadas da concesión e das sucesivas modificacións aprobadas polo Estado ao longo das últimas décadas.
Asemade, o Parlamento de Galicia expresa, ademais, que calquera modificación substancial do texto aprobado por unanimidade nesta Cámara suporía unha ruptura do consenso político galego acadado arredor dunha infraestrutura estratéxica para Galicia.”