O PPdeG pecha
filas para reclamar no Senado a recuperación da proposta orixinal da
transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia, un texto
aprobado de xeito unánime no Parlamento galego e que onte viu rachado este
consenso co “pacto da traizón” executado por PSOE, BNG e Sumar no debate da lei
de traspaso no Congreso dos Deputados, dándolle luz verde a un novo texto “rebaixado
e inviable”. Neste sentido, o deputado galego no Congreso Pedro Puy,
lamenta as “consecuencias desastrosas de 4.000 millóns de euros de custo”
por mor dunha norma que “non ten nada que ver coa consensuada na Cámara
galega”.
Así o manifestou hoxe o popular durante
unha reunión de traballo no Parlamento de Galicia, na que tamén participaron o
portavoz do Grupo Popular nesta Cámara, Alberto Pazos, así como deputados
autonómicos e nacionais. Puy, que defendeu onte no Congreso a necesidade
de volver ao proxecto orixinal de transferencia aprobado en Galicia, esixe
explicacións a PSOE e BNG, por consumar onte ese pacto da traizón
-xunto con Sumar-, no que racharon co seu compromiso cunha infraestrutura
clave para todos os galegos e galegas e vital na vertebración do
territorio.
“PSOE e BNG teñen que
explicar este cambio tan radical. É incomprensible que voten a favor dun
traspaso prexudicialpara Galicia”, defende Puy. Neste sentido,
recorda que o candidato socialista en Galicia, Xosé Ramón Besteiro, “fixo
campaña dicindo que non habería peaxes e con esta norma nin sequera se garante
que se manteñan as bonificacións do Estado”.
Por outra banda,
lamentou a “hipocrisía” do BNG, que son“tan bravos en Galicia e tan mansos
en Madrid”, dicindo “si” á transferencia para Galicia da AP-9 nunhas condicións
tan malas que ata “os nacionalistas cataláns admiten que para Cataluña non
valería así”, lembrou Puy sobre a intervención de Junts onte
no Congreso.
Para o deputado galego
tamén é “incomprensible” que o BNG “vaia da man de Vox”, xa que
durante as votacións previas para recuperar o texto do Parlamento galego, ambas
formacións rexeitaron a proposta do PPdeG para volver a esa proposta
inicial e aprobada de xeito unánime en Galicia.
O PPdeG insiste
nas consecuencias “desastrosas” deste texto “deturpado”, con
condicións “inviables” para Galicia nos ámbitos financeiro, político
e xurídico. Entre outras, non está garantido que o Estado
asuma os custos asociados á transferencia, como o mantemento das bonificacións
das peaxes, as inversións comprometidas ou a indemnización á concesionaria
en caso de que a Unión Europea o ditamine.Para Puy, a incertidume económica “é
máxima” con esta lei modificada.
Os populares insisten en
que “é fundamental” que esta transferencia veña acompañada dos “recursos
económicosnecesarios para a súa xestión e para manter todos os compromisos
adquiridos ata agora”.
O
PPDEG, O ÚNICO PARTIDO FIEL AO ACORDO DE GALICIA
Pola súa banda, o
portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, agradeceulle
aos deputados nacionais do PPdeG que se manteñan “fieis” ao acordo
unánime que saíu do Parlamento de Galicia e que reclamaba unha “AP-9 galega
nunhas condicións que non fosen lesivas para a nosa Comunidade”: “Non imos
aceptar, en ningún caso, que, o que a outros se lle dá gratuitamente, a Galicia
chegue cunha factura de 4.000M€”.
Neste senso, remarcou
que tanto Galicia, como o seu Parlamento e o seu Goberno “están
perfectamente aliñados” na defensa dos intereses da nosa Comunidade e instou
aos que “racharon” e “traizoaron” o texto galego a que dean “explicacións
públicas, claras e contundentes”. “O único que pedimos é que a voz unánime que
saíu do Parlamento galego sexa respectada polas cámaras nacionais. Non parece
unha petición demasiado exorbitante”, dixo.
E é que, tal e como
denunciou, resulta sorprendente que “os mesmos que aquí se lles enchía a boa
pedindo que a voz de Galicia fose escoitada no Parlamento, agora, acaden un
acordo alternativo que destroza por completo” o texto aprobado por unanimidade
na Cámara galega. Así, o portavoz popular incidiu en que os nacionalistas e
independentistas galegos “argumenten con fundamentos” os motivos polos
cales a redacción acordada en Galicia non é válida no Congreso dos deputados e
por que o que antes era un traspaso sen cargas financeiras, agora, vén con
factura engadida. “E por que –engadiu- o que é aceptable para Cataluña é
beneficioso para Galicia”.
SOLIDARIEDADE
DO POBO VENEZOLANO
Para rematar, o voceiro
popular, en nome do Grupo Parlamentario Popular e dos representantes do PPdeG,
trasladou “todo o noso cariño e toda a nosa solidariedade” ao pobo venezolano e
ás familias galegas; e salientou que sempre van contar “co apoio e o
compromiso” das institucións galegas para tentar paliar canto antes esta
situación.
