sábado, 27 de junio de 2026

A Deputación posiciónase por unanimidade na procura do impulso ás infraestruturas estratéxicas e a captación de investimentos industriais para Ourense

 


A Corporación provincial de Ourense, no plenocelebrado onte, aprobou por unanimidade unha iniciativa a prol do impulso ás infraestruturas estratéxicas e á captación de investimentos industriais na provincia.

Entre os acordos que incluía esta proposta figura que se continúe priorizando e executando o desenvolvemento de chan empresarial en parques estratéxicos como os de Xinzo de Limia, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz ou Carballiño-Maside. 

Así mesmo pídese ao Goberno autonómico, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que manteña unha prospección activa nos mercados nacionais e internacionais, co fin de captar novos proxectos que poñan en valor o potencial loxístico e industrial de Ourense. 

Por outra banda, solicítase tamén ao Goberno de España que priorice de forma urxente as infraestruturas pendentes no territorio. O acordo detalla demandas clave para a competitividade das empresas e a seguridade viaria, como a construción da estación de mercadorías por ferrocarril no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, a renovación das liñas ferroviarias do interior cara Lugo e Vigo, e a execución da autovía A-76. 

Adicionalmente, reclámase ao Executivo central a reparación integral das estradas N-120 e N-540, debido á grave deterioración acumulada no firme e á presenza de fochancas que actualmente comprometen a mobilidade e seguridade de persoas e mercadorías. 

Reclámase por outra banda ao Goberno galego  que garanta a execución de 126,1 M€, reflexándoos nos orzamentos da Xunta para o desenvolvemento de solo empresarial na provincia de Ourense para o período 2026-2030, a través dunha programación realista e anualizada.

Esta moción fundaméntase no momento decisivo que vive Ourense para consolidar o seu desenvolvemento económico, xerar emprego cualificado e fixar poboación. A provincia, engádese, conta con vantaxes competitivas esenciais -recursos naturais, posición xeográfica, capital humano e dispoñibilidade de chan industrial- que deben ser promocionadas de forma decidida. Por iso, o texto subliña que resulta vital resolver os déficits de conectividade actuais, garantindo así unhas comunicacións adecuadas ás necesidades dunha provincia que aspira a seguir crecendo.

Conexión por autobús coa estación da Gudiña

O Pleno tamén aprobou, por unanimidade, unha moción sobre a adaptación dos servizos de transporte público por estrada á oferta ferroviaria vixente na estación da Gudiña-Porta de Galicia.

Neste sentido pídese á Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes que adapte, con carácter urxente, os horarios dos servizos de autobús de titularidade autonómica que conectan a estación da Gudiña coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín, garantindo unha conexión con chegada previa á saída do tren das 7:44 horas cara Madrid, así como a cobertura dos restantes servizos ferroviarios en ambos sentidos.

Solicítase que desde a Deputación de Ourense, en colaboración coa Dirección Xeral de Mobilidade, Renfe e os concellos das comarcas afectadas, aváncese cara á adopción dun protocolo estable de coordinación intermodal na estación da Gudiña, que inclúa mecanismos de actualización automática dos horarios de autobús ante calquera modificación da programación ferroviaria.

Acceso viario efectivo ao polígono de San Cibrao

Continuando co capítulo de proposicións, a Corporación deu o visto bo unánime a unha moción na que se pedía a execución dos tramos pendentes da ronda leste A-52/A-76, así como un acceso viario real e efectivo ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

Na proposta solicítase á Xunta de Galicia, como administración responsable da planificación e execución das infraestruturas viarias recollidas no seu Plan Sectorial, a que licite as actuacións pendentes da ronda leste A-52/A-76, co fin de crear un acceso directo de alta capacidade entre a autovía A-52 e o polígono de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

Tamén se reclama á Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e ao Concello de San Cibrao que garantan os compromisos públicos adquiridos no Foro Ourense Industrial de outubro de 2025, pedindo ademais ao Estado que tramite e provea a dotación económica necesaria para que, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de San Cibrao, garántase a curto prazo a execución da estación de mercadorías por ferrocarril do polígono industrial.