O PP de Ourense
presentará unha moción propia para impulsar o desenvolvemento industrial da
provincia tras o rexeitamento da súa emenda por parte do Grupo Provincial do
PSOE, que non quixo aceptar a proposta de mellora dos populares á súa
iniciativa.
Deste xeito, o Partido Popular de Ourense presentará no
próximo pleno da Deputación unha moción propia para impulsar o desenvolvemento
industrial da provincia despois de que o grupo provincial socialista rexeitase
incorporar a emenda presentada polos populares á súa iniciativa sobre equidade
territorial nos proxectos industriais estratéxicos e captación de investimentos.
A proposta do PP apostaba por complementar a moción
socialista con medidas concretas e realistas orientadas a reforzar a
competitividade industrial de Ourense, incidindo especialmente na colaboración
entre administracións e na mellora das infraestruturas e do chan empresarial.
Entre as iniciativas formuladas polos populares figuraba
solicitar á Xunta de Galicia que continúe a execución e priorice as
infraestruturas e o chan industrial da súa competencia na provincia, destacando
áreas empresariais xa consolidadas e en fase de ampliación como San Cibrao das
Viñas, Xinzo de Limia, O Pereiro de Aguiar ou O Carballiño-Maside, así como
outras zonas en desenvolvemento, como o parque empresarial de Paderne de
Allariz.
A emenda tamén recollía a necesidade de reforzar a
promoción exterior do potencial industrial ourensán mediante a prospección de
mercados internacionais e a participación activa do Igape na captación de novos
investimentos.
Ademais, os populares reclamaban ao Goberno central
actuacións urxentes en infraestruturas estratéxicas para a provincia, entre
elas a estación de mercadorías do polígono de San Cibrao das Viñas, o impulso
definitivo da autovía A-76 e a mellora de vías estatais fundamentais para a
actividade económica e industrial, como as estradas N-120 e N-540, que
presentan importantes deficiencias no seu firme.
A vicepresidenta do PP de Ourense, Marta Nóvoa, lamentou
a falta de disposición ao diálogo por parte do grupo socialista. “Non podemos
facer brindes ao sol cunha moción que non aporta nada. Nós presentamos unha
emenda para sumar, con propostas concretas e medidas que implican tanto á Xunta
de Galicia como ao Goberno de España”, explicou.
Nóvoa criticou tamén que “haxa quen pretenda trasladar a
idea de que non existe industria en Ourense, algo que é falso e profundamente
inxusto co tecido empresarial da nosa provincia”, ao tempo que considerou que o
rexeitamento da emenda responde á vontade de evitar reclamacións ao Executivo
central.
“O PP sempre estará ao carón da creación de industria na
nosa provincia. E se esta emenda non sae adiante, traerémola en forma de moción
a este pleno”, anunciou.
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense,
Luis Menor, subliñou que “se algo temos claro é que o Partido Popular sempre
estará ao carón da creación de industria e do emprego. Por iso traballamos con
datos obxectivos e con propostas concretas que permitan seguir avanzando no
desenvolvemento económico da provincia”.
Menor engadiu que “non hai persoas máis sensibles co
desenvolvemento industrial de Ourense que as que conformamos o PP de Ourense,
porque coñecemos de primeira man as necesidades dos nosos concellos e das nosas
empresas e porque cremos firmemente no potencial desta provincia para seguir
xerando oportunidades”.
