A conselleira de Vivenda e
Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, sitúa a Galicia como
a comunidade “pioneira” que máis medidas ten en marcha no impulso da vivenda
protexida. Fíxoo na primeira xornada de impulso da vivenda protexida en Galicia,
organizada pola Xunta na Cidade da Cultura, na que participou o conselleiro de
Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, e que reuniu a máis de 260
asistentes, entre técnicos da Administración, representantes de concellos e
promotores e construtores.
Allegue fixo un repaso polo
traballo co que a Xunta está a asumir o reto da vivenda, “no que estamos
debullando a Galicia habitacional e residencial do futuro” a través de “medidas
valentes”. E puxo en valor a “leal cooperación” entre a Xunta, concellos e sector
a través de iniciativas como a cesión de solos dos concellos á Xunta para a
construción de vivenda, os Fondos de Cooperación cos concellos, a Plataforma de
solos ou os Proxectos de interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de
solo residencial.
Neste senso, pediu a concellos
e sector “non baixar a garda” neste traballo “compartido” fronte ao desafío da
vivenda, destacando así mesmo o consenso co sector para acadar o II Pacto de
Vivenda de Galicia, que prevé no 2030 acadar un parque público residencial de
10.000 fogares.
A conselleira destacou que a
Xunta ten en marcha as 4.000 vivendas públicas comprometidas nesta lexislatura,
e está a desenvolver solo residencial a través da figura dos PIA, de xeito que
xa están aprobados inicialmente os das grandes cidades para o impulso a novos
barrios.
Expuxo as modificacións
normativas para axilizar a construción, como o incremento do 20% da
edificabilidade, así como as medidas para a mobilización de vivendas baleiras,
entre elas o programa Fogar Vivo ou as axudas de rehabilitación no rural. Tamén
puxo e valor as medidas para facilitar que máis persoas poidan acceder á
vivenda protexida, como o incremento do limiar de renda a 4 veces o IPREM (4,5
no caso das familias numerosas) ou a reserva do 40% das novas vivendas para
persoas entre 36 e 45 anos con fillos.
E puxo o foco no apoio á
mocidade cos aloxamentos compartidos, o aval mozo e a reserva do 40% das
vivendas en alugueiro e o 25% nas de venda para menores de 36 anos. Allegue
salientou tamén no marco do apoio ao sector o impulso á construción
industrializada, coa elaboración dun Mapa de Capacidades que se presenta na
xornada. Todas elas medidas coas que a Xunta enfronta a situación da vivenda
“ao estilo Galicia”, “con traballo, acción, vontade e capacidade resolutiva”,
que posibilita licitacións por 500M€ este ano. “Seguiremos construíndo fogares
co selo Galicia Calidade”, engadiu.
Medidas tributarias
Pola súa banda, o conselleiro
de Facenda e Administración Pública explicou as medidas tributarias existentes
en Galicia a favor da vivenda e puxo en valor a colaboración público-privada
para que a cidadanía poida acceder a unha vivenda tanto a través de compra como
de aluguer. Galicia, afirmou, é a comunidade con menor tributación para comprar
unha vivenda habitual no rural e na que menos impostos pagan os colectivos
prioritarios, entre os que se atopan as persoas mozas e, como novidade este
ano, as familias monoparentais.
Miguel Corgos lembrou que o
Goberno galego quixo redobrar esforzos nos últimos anos para favorecer o acceso
á vivenda “e hoxe xa temos en vigor un amplo paquete de medidas fiscais para
reforzar a nosa aposta pola vivenda”. Iso posibilitou que, en dez anos, “os
galegos aforraron 279M€ en impostos vinculados á vivenda”.
Desenvolvemento da xornada
A xornada desenvolveuse en
torno a catro mesas destinadas a explicar as medidas de axilización e
flexibilización para o impulso da vivenda, o desenvolvemento de solo
residencial para vivenda protexida, a colaboración e cooperación da Xunta co
sector e os concellos e o plan de impulso da construción industrializada.
Asuntos que foron expostos por representantes da Consellería de Vivenda e
Planificación de Infraestruturas e da Consellería de Facenda e Administración
pública, así como por técnicos que traballan nestes temas.
Na primeira mesa, moderada por
Heriberto García Porto, secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, e con
participación da subdirectora xeral e o xefe de servizo de Coordinación e
Planificación da secretaría xeral de Vivenda e Urbanismo, Julia Paz e Martín
Cerreda, e o director técnico de Construción e calidade do IGVS, Ricardo
Valencia, puxéronse de manifesto as modificacións normativas adoptadas para
facilitar a promoción de vivenda protexida, que se centran
principalmente en catro
aspectos: axilizar a dispoñibilidade de solo urbanizado, incrementar o número
de vivendas protexidas e o parque público, redución dos trámites burocráticos e
impulso de solucións innovadoras.
Solo para vivenda protexida
O compromiso da Xunta de
Galicia de desenvolver solo para 25.000 vivendas, das que 20.000 serán
protexidas, foi o motivo central da segunda mesa, na que interviñeron o xefe da
Oficina Técnica de Solo do IGVS e os redactores dos sete proxectos de interese
autonómico (PIA) que xa teñen aprobación inicial e que corresponden a
actuacións nos concellos de Pontevedra, Vigo, Ourense, A Coruña, Santiago de
Compostela e Lugo.
Ademais da actuación directa do
IGVS no desenvolvemento de solo residencial, a Xunta pon a disposición dos
concellos o programa de oferta de solo residencial das entidades locais, que
facilita aos concellos poñer o solo da súa propiedade a disposición de
promotores e cooperativas. O funcionamento deste programa foi explicado polo
director técnico de Solo Residencial do IGVS, Joaquín San Martín.
Colaboración co sector e os
concellos
A Xunta de Galicia colabora
activamente co sector da promoción de vivenda protexida e cos concellos co
obxectivo de incrementar o parque de vivenda existente en Galicia e facilitar o
acceso dos cidadáns ás mesmas. Esta colaboración foi exposta pola secretaria
xeral do IGVS, María Ángeles Domínguez, e a directora técnica de Axudas á
Vivenda, Beatriz Villaverde, e céntrase fundamentalmente nas axudas públicas
que os promotores públicos e privados poden recibir da Xunta de Galicia.
Na xornada anunciouse que, unha
vez entre en execución o Plan Estatal de vivenda, que a Xunta financia nun 40%,
os promotores de vivendas protexidas poderán acceder a axudas de ata 42.500€
por vivenda sempre que as mesmas cumpran os requisitos establecidos. Ademais, a
Xunta concede axudas aos adquirentes de vivenda protexidas, por un importe que
pode acadar os 20.000 euros nas grandes cidades.
Pola súa parte, os concellos
contan con axudas para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal
para destinalos a vivendas de alugueiro a prezo regulado e para infravivenda,
así como préstamos do fondo de cooperación para a rehabilitación, promoción de
vivendas novas ou adquisición de vivendas existentes para a súa rehabilitación.
