Rueda situou a vivenda como un obxectivo "constante e irrenunciable" e salientou que o 100% das novas vivendas públicas comprometidas para este mandato xa están en marcha, seguindo así a meta de duplicar en catro anos o número de vivendas públicas, de 4.000 a 8.000. De feito, asegurou que “en poucos meses”comezaranse xa a entregar as primeiras chaves en Pontevedra e Santiago.
Como novidade, e co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda ás persoas traballadoras, o Goberno galego elevará o limiar máximo de renda para optar a unha vivenda pública ata catro veces o Iprem —no caso das familias numerosas o teito elevarase a 4,5 veces o Iprem— e reservará o 30% destas vivendas en venda para persoas de entre 36 e 45 anos, especialmente para as que teñen fillos.
Ademais, no eido fiscal, avanzou que a partir do próximo ano Galicia bonificará o 100% do imposto de actos xurídicos documentados para as vivendas protexidas. Así, e tal e como explicou Rueda, “ata o deagora, por unha vivenda protexida de 100 metros de superficie pagábanse ata 15.000 euros deste impostoe agora pasarán a ser cero para favorecer a colaboración público-privada na construción de vivenda protexida”.
Sanidade
Outro dos anuncios centrais da intervención do presidente da Xunta no Parlamento foi a proposta “neste semestre dunha reforma integral da atención primaria” para adecuala á realidade demográfica actual, complementando a reforma dos Puntos de Atención Continuada (PAC) que está a impulsar a Xunta con melloras retributivas.
O plan inclúe a creación dunha Dirección Xeral de Atención Primaria dentro do Sergas para coordinar etamén se creará unha unidade especial para centralizar o papelame administrativo e liberar aos médicos de tarefas burocráticas, así como un novo modelo de xestión de axendas. Esta reforma, tal e como indicou Rueda, ten dous obxectivos claros: “liberar aos médicos de tarefas burocráticas e acadar axendas de 30 pacientes en xornada ordinaria”.
Economía e emprego
No ámbito económico, o presidente salientou que o emprego industrial está en máximos desde 2010 e anunciou novos pasos para reforzar a autonomía enerxética e de recursos. Así, Galicia lanzará un novo proceso para a prospección de materias primas críticas e, nas vindeiras semanas, iniciarase o proceso para “unha ampliación de capital de Recursos de Galicia para que as galegas e galegos xestionemos ou participemos en cada vez máis instalacións e explotacións”.
Como novidade para mellorar a produtividade, Rueda anunciou a posta en marcha dun programa integral de abordaxe das baixas laborais. Este plan incluirá a creación de unidades especializadas para doenzas musculoesqueléticas e psiquiatría menor, as máis frecuentes. “Estas unidades servirán de apoio aos médicos de atención primaria que xestionan as baixas”, explicou Rueda, ao tempo que indicou que tamén se reforzará o papel das mutuas na revisión das incapacidades temporais.
Reforzo da política social e vangarda educativa
O presidente da Xunta confirmou que Galicia acadará este mesmo ano a cifra de 100.000 persoas dependentes atendidas e comprometeuse a que 10.000 galegos e galegas máis reciban o Bono Coidado no que resta de lexislatura (actualmente xa son 40.000 beneficiarios). Ademais, tras culminar a primeira fase do Plan de residencias e centros de día neste primeiro semestre —o cal permitirá abrir en Galicia 24 centros—, Rueda anunciou que a segunda fase prevé a licitación no 2027 doutros 24 novos centros para sumar un total de 3.500 prazas, xa operativas ou en trámite, impulsadas desde a Xunta na lexislatura.
En materia educativa, Galicia converterase na primeira comunidade en regular os usos permitidos e prohibidos da Intelixencia Artificial nas aulas a través dunha nova Lei de educación dixital “que prevemos aprobar antes de que remate este 2026”. Así mesmo, o presidente da Xunta tamén anunciou outra medida pioneira como é o inicio de sancións contra as condutas que atenten contra a dignidade e autoridade do persoal docente, “en todos aqueles casos nos que o diálogo non funcione para resolver os conflitos”.
Ademais, no eido científico, Rueda indicou que a nova Fundación Galtia lanzará este mesmo ano a súa primeira convocatoria para captar talento de alto nivel. No que respecta á conectividade dixital, Ruedaanunciou que se solicitará autorización ao Goberno central e á Comisión Nacional dos Mercados e aCompetencia para comezar a construír no 2027 novas torres de telefonía e eliminar as zonas de sombra no rural, co obxectivo de que o 100% dos galegos teñan cobertura móbil.
Infraestruturas
En canto ás comunicacións por estrada, o titular do Goberno galego confirmou que neste exercicio comezarán obras estratéxicas como a ampliación da autoestrada da Costa da Morte e o último tramo da autovía Lugo-Sarria, así como a licitación da redacción do proxecto de variante de Viveiro. Tamén avanzou que este ano estará listo o tramo ata A Ramallosa da autovía Santiago-A Estrada, mentres que no 2027 se completará a autovía Brión-Noia e un novo tramo da de Tui-A Guarda e “seguiremos traballando na autovía do Salnés”. Segundo explicou o presidente, ao rematar estes proxectos, “nove de cada dez galegos vivirán a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións”.
Esta aposta polas infraestruturas compleméntase cun modelo de mobilidade que inclúe o autobús gratuíto para menores de 21 anos e maiores de 65 —beneficiando a 270.000 persoas—, así como a creación dasnovas liñas directas.
Así mesmo, seguiu reclamando ao Goberno central actuar ou avanzar nas vías da súa competencia, comoa autovía Santiago-Lugo, a saída sur de Vigo cara a Portugal, a conexión de alta velocidade con Lugo e a mellora da liña ferroviaria A Coruña-Ferrol. Rueda lamentou a falta de concreción de prazos e cifras no Plan do Corredor Atlántico e expresou a súa preocupación polo "deterioro progresivo" na calidade do servizo ferroviario de Renfe.
Ademais, o mandatario cualificou de "insostible" a situación da AP-9. Con beneficios da concesionaria e peaxes en máximos históricos, Rueda esixiu ao Goberno central transparencia sobre o expediente da Comisión Europea e reiterou que a postura de Galicia é invariable: "transparencia, liberación da concesión e transferencia".
Apoio integral ao sector primario
Alfonso Rueda reafirmou o compromiso da Xunta co sector primario como un "piar estratéxico" ligado á identidade e á sustentabilidade de Galicia. No ámbito do mar, salientou a autorización dunha inxección de 23 millóns de euros para a recuperación dos bancos marisqueiros afectados pola baixada de salinidade , así como a firme oposición aos cambios no Regulamento de Costas que poñen en risco, por exemplo,4.500 empregos na acuicultura. Reiterou tamén a petición de rebaixar o IVE para os produtos do mar, como medida de promoción económica pero tamén de saúde pública.
No sector agrario, o presidente celebrou o récord de produción leiteira e o feito de que tres de cada catro litros xa se transformen na Comunidade. Así mesmo, garantiu unha vixilancia constante ante o contexto da renovación dos contratos do lácteo e o impacto do acordo comercial UE-Mercosur para protexer a calidade e a competitividade das granxas galegas.
Tamén avanzou que se van pechar outras 25 parcelarias antes de 2028 e destacou o esforzo en materia preventiva fronte aos incendios forestais. Desde 2018 triplicáronse os fondos e o Pladiga deste ano contempla melloras tanto humanas como materiais e actuar sobre un 70 % máis da superficie a nivel preventivo que o ano pasado.
Autogoberno e apoio aos concellos
Finalmente, o presidente referendou o apoio da Xunta aos concellos e deputacións da comunidade. “Estamos a tramitar unha nova Lei de Administración local, unha norma que era preciso modernizar para mellorar o financiamento municipal e a súa relación cos entes provinciais”, explicou.
Ademais, Rueda lembrou que o Goberno galego destina neste ano 670 millóns de euros directamente aos municipios, “a cifra máis alta da historia nos orzamentos da comunidade” e anunciou novos “préstamos de axuda aos concellos de menos de 20.000 habitantes, para que poidan acceder con máis facilidade aos programas europeos de desenvolvemento local, que precisan un cofinanciamento que algunhas arcas municipais non se poden permitir”.
Finalmente, o presidente reivindicou un "autonomismo útil" e confirmou que Galicia está a negociar o traspaso das autorizacións iniciais de traballo para estranxeiros, coa previsión de asumir esta competencia no curso de 2026.
Xacobeo 2027
O presidente salientou que Galicia vive un momento histórico no ámbito turístico, aproximándose aos 9 millóns de visitantes en 2025, o que supón un crecemento do 7,3% respecto ao exercicio anterior, ao que hai que sumar as máis de 530.000 compostelas entregadas o pasado ano.
Neste sentido, subliñou a implicación da Xunta neste ámbito e a forte aposta que está a facer de cara ao vindeiro Ano Santo 2027, levándose investidos xa 87,4 millóns de euros na mellora de infraestruturas turísticas, aos que se engaden os realizados ao longo do Camiño e na seguridade viaria para os peregrinos. “É a nosa marca de identidade, unha ocasión única para que todo mundo mire a Galicia”, asegurou Rueda.
Co obxectivo de que o Xacobeo funcione como un acelerador da transformación turística, a Xunta activou o programa "O teu Xacobeo", que mobilizou en edicións anteriores 15 millóns de euros, e traballa para duplicar a captación de fondos privados respecto á última edición. A este respecto, Rueda instou ao Goberno central a concretar con urxencia as deducións fiscais para as empresas que se comprometan co evento.
Ribeira Sacra, máis preto de ser Patrimonio da Humanidade
Neste senso, o titular do Executivo galego salientou que, ademais do Camiño de Santiago que erixiu como “a nosa gran carta de presentación ante o mundo”, Galicia con outros tres bens declarados Patrimonio da Humanidade. “E este pode ser o ano no que se lles una a Ribeira Sacra”, aseverou con respecto á súa candidatura ante a Unesco, que está xa na recta final do procedemento e cuxa avaliación final será no mes de xullo.
Ademais deste patrimonio, Rueda puxo tamén o foco no lingüístico, ao que enxalzou como un “tesouro que debe funcionar como o un elemento de cohesión”. “Esta é meta do Pacto da Lingua”, asegurou. Con este obxectivo, anunciou que, este mesmo semestre, o Goberno galego presentará a súa proposta aos grupos parlamentarios.
Galicia exterior
Ademais, Alfonso Rueda anunciou o reforzo da proxección exterior coa creación dunha nova delegación da Xunta en Bos Aires, lembrando que son máis de “191.000 galegos de pleno dereito” que residen na Arxentina. Segundo explicou o titular do Executivo, este novo espazo "moderno, ampliado e adaptado aos novos tempos" non só será un punto de apoio para os emigrantes e os seus descendentes, senón que tamén funcionará como unha ferramenta estratéxica para potenciar a presenza de Galicia no exterior e acadar obxectivos económicos e sociais a nivel internacional.