Difunde hoxe o INE a EPA do I trimestre de 2026.
Estos son os principais datos de Galicia.
Poboación en relación coa actividade económica
No primeiro trimestre, a poboación activa de Galicia rexistrou unha variación interanual do 2,6 %, situándose en 1.294.100 persoas. En paralelo, o número de persoas ocupadas experimentou unha taxa de variación interanual do 2,4 %, ata acadar as 1.178.100 persoas. O colectivo de persoas paradas increméntase un 4,4 % interanual no mesmo intervalo temporal, quedando en 115.900 persoas.
Nos últimos nove trimestres, a taxa de variación interanual da poboación ocupada en Galicia situouse, en xeral, por debaixo da rexistrada no conxunto de España. Porén, no cuarto trimestre de 2025 Galicia superou lixeiramente a media estatal e, no primeiro trimestre de 2026, ambas as taxas coinciden no 2,4 %.
Poboación activa
A taxa de actividade aumentou no primeiro trimestre en 1,2 puntos porcentuais respecto ao mesmo período do ano anterior, situándose no 54,2 %. No caso dos homes, a taxa incrementouse en 0,5 puntos porcentuais ata alcanzar o 56,7 %, mentres que entre as mulleres o aumento foi de 1,8 puntos porcentuais, situándose no 51,8 %.
Poboación ocupada
O número de persoas ocupadas en Galicia aumentou no primeiro trimestre un 2,4 % respecto ao mesmo período do ano anterior, situándose en 1.178.100 persoas. A poboación ocupada feminina aumentou un 3,9 %, fronte ao 1 % da ocupación masculina no mesmo período. Deste xeito, a poboación ocupada masculina, con 592.500 homes, é lixeiramente superior á feminina, que suma 585.600 mulleres.
Poboación parada
A taxa de paro aumentou no primeiro trimestre en Galicia en 0,2 puntos porcentuais en termos interanuais, situándose no 9 %. A taxa de paro masculina incrementouse en 0,2 puntos porcentuais, situándose no 8,4 %, mentres que a taxa de paro feminina quedou no 9,5 %, cun aumento interanual de 0,1 puntos porcentuais.
O número de persoas paradas en Galicia ascende a 115.900, cun incremento interanual do 4,4 %. Delas, 54.400 son homes, cun incremento do 3,2 %, e 61.500 son mulleres, cun aumento do 5,7 %.
A taxa de paro en Galicia mantívose por debaixo da española nos últimos 9 trimestres, situándose no primeiro trimestre de 2026 1,8 puntos porcentuais por baixo da española, ao situarse no 9 %, fronte ao 10,8 % a nivel estatal.