Constituída, grazas a insistencia do PP de G, o relatorio da AP-9 no Congreso, crucial para avanzar no desbloqueo da transferencia da Autopista do Atlántico a Galicia
· Os relatores do Grupo Popular, Celso Delgado,
Pedro Puy e Tristana Moraleja seguirán impulsando a tramitación da que é unha
“xusta demanda da sociedade galega”, tendo como obxectivo unha autoestrada AP-9
galega e libre de peaxes.
O PPdeG logra, tras meses de reclamacións e bloqueo por parte do PSOE, a constitución formal no Congreso dos Deputados do relatorio da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico (AP-9) á comunidade autónoma de Galicia.
A constitución celebrouse hoxe ás 8,30 horas e asistiron os tres relatores do PP, os tres do PSOE, os dous de Sumar e un relator de BNG, Junts, PNV, ERC. Non estiveron presentes os relatores de VOX e de Bildu. O deputado Celso Delgado solicitou que, tendo en conta o número de emendas rexistradas, tan só 11 (3 de Sumar e 8 do PSOE), se debería ter unha nova reunión do relatorio despois Semana Santa, para organizar e comezar os traballos. E así foi acordado despois de escoitar o posicionamento doutros ponentes.
Os populares lembran que a proposición de lei orgánica de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia da titularidade e as competencias da autoestrada da Atlántico AP-9 proveñen da unanimidade do Parlamento de Galicia á iniciativa, e foi tomada en consideración polo Pleno do Congreso en xuño de 2024, só co voto en contra de VOX.
“A pesar de decretarse a súa tramitación polo procedemento de urxencia, o Goberno, que controla ferreamente a Mesa do Congreso impuxo un boicot á tramitación, con 45 prórrogas do prazo de presentación de emendas ao articulado ata que, como consecuencia das presións do Grupo Parlamentario Popular, se pechou o prazo o 22 de outubro do presente ano”, subliña Celso Delgado.
O deputado popular tacha de “escandaloso e deplorable” que o grupo Parlamentario Socialista, por indicacións do Goberno, rexistrase oito emendas ao articulado, opoñéndose á transferencia da titularidade da AP-9, expondo unha simple transferencia de competencias sobre administración e explotación e, ademais, que esta autoestrada se manteña dentro da rede de estradas do Estado.
“Estas emendas referendadas polo ministro Óscar Puente van na dirección contraria ao que demanda por unanimidade o Parlamento de Galicia, que é a transferencia á comunidade autónoma da titularidade e as competencias sobre o réxime xurídico da concesión e as funcións e os servizos que ata o de agora exerce a Administración Xeral do Estado”, insiste Delgado.
Os relatores
do Grupo Popular, Celso Delgado, Pedro Puy e Tristana Moraleja seguirán
impulsando a tramitación da que é unha “xusta demanda da sociedade galega”, tendo
como obxectivo unha autoestrada AP-9 galega e libre de peaxes.
