miércoles, 11 de marzo de 2026

O Parlamento galego reclama ao Goberno central unha planificación eléctrica xusta que garanta o desenvolvemento industrial de Galicia

 Parlamento de Galicia aprobou onte, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, reclamar ao Goberno central unha planificación eléctrica xusta que garanta o desenvolvemento industrial da nosa Comunidade. A iniciativa saíu adiante sen ningún voto en contra.

O portavoz popular de Industria e Enerxía, Rubén Lorenzo, lamentou os tres anos de “atrasos e improvisacións” do Executivo de Pedro Sánchez para concluír coa planificación da rede de transporte eléctrico. Neste punto, considerou urxente unha resposta ás necesidades dos proxectos que queren implantarse na nosa Comunidade, pero que, por falta de conexión, non o poden facer.

Durante a súa intervención, o parlamentario popular recordou que, dos 8000 megavatios de nova capacidade de demanda que Galicia solicitou, o Goberno de Pedro Sánchez só concedeu o 23,7%: “Isto é, só está a atender unha de cada catro necesidades reais de Galicia; o restante 76% queda sen resposta”. Unha “discriminación inxustificable”, resaltou, máis tendo en conta que a nosa Comunidade aporta o 8,8% da xeración eléctrica do país e o 29% de toda a hidráulica total.

Fixo fincapé na falsidade do discurso sostible da Administración central: “Así non hai transición que funcione; non hai industria que se poida instalar e non hai territorio que poida competir”. E reclamou un investimento acorde á nosa xeración eléctrica, unha rede que permita evacuar renovables e desenvolver bombeos reversibles e un mecanismo áxil para conectar proxectos estratéxicos, co fin de contar con capacidade para atraer industria e crear emprego.

Onte mesmo en Ponferrada o presidente Rueda puxo en valor a importancia das conexións eléctricas, da necesidade de tomarse “este asunto moi en serio”. “É un tema estratéxico do país e hai moitas empresas en Galicia e Castela e León, aquí no Bierzo e na zona galega de Valdeorras, que queren seguir crecendo ou establecerse e seguen dependendo dun acceso á enerxía que agora mesmo é un auténtico desastre desde o punto de vista da planificación que teñen que facer os ministerios correspondentes”, engadiu.

Lembrou que "nesta zona hai fontes de xeración de enerxías renovables, algo no que somos potencia e polo que temos que loitar pairas seguir funcionando e creando riqueza”.