Onte o Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados do BNG, a través da que se rexeita calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector agrícola e gandeiro no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 e se demanda o mantemento dun orzamento específico e suficiente con recursos equivalentes e homologables á actual Política Agraria Común e aos fondos FEAGA e FEADER, de forma que se garanta a competitividade, modernización e viabilidade futura do sector.
Así mesmo, pídese ao Goberno central que defenda a activación das cláusulas de salvagarda incluídas no acordo de libre comercio entre a Unión Europea a Mercosur, co fin de que os produtos agroalimentarios de terceiros países que pretendan comercializarse no mercado comunitario cumpran os mesmos estándares que os esixidos en Europa.
O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Ángel Viso, salientou que o sector agrogandeiro “fixo un esforzo enorme nos últimos anos para adaptarse a novos estándares ambientais, investir en tecnoloxía, asumir máis burocracia, soportar o aumento dos custos, e competir en mercados cada vez máis abertos”. “Todo isto ao mesmo tempo que se lles pide producir mellor, máis seguro, máis sostible e máis profesional”, indicou.
Porén, lamentou que a proposta da Comisión Europea para o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 “abre a porta a un recorte superior ao 20 por cento dos fondos agrarios, que pode supoñer arredor de 80 millóns de euros menos cada ano para o rural galego”.“Pero falamos de algo máis perigoso: diluír a PAC nun fondo único, xunto coa pesca e coa cohesión, facendo desaparecer os dous piares das axudas directas e ao desenvolvemento rural, que son a base da estabilidade do sector”, manifestou o portavoz popular.
REGRAS EQUIVALENTES
Miguel Ángel Viso afirmou que “Galicia aposta por un escenario aberto, integrado e moderno”, porque “abrir mercados ten sentido se quen produce en Europa compite con regras equivalentes”. “Por iso a PAC e os mecanismos de defensa comercial son inseparables, porque sen PAC non hai rendas estables, non hai incorporación de xente nova, non hai modernización nin equilibrio territorial, e, en definitiva, non hai rural vivo”, apuntou.
Na súa intervención, o portavoz popular fixo unha “chamada clara á responsabilidade política do Goberno de España, que é quen negocia en Europa e quen ten que defender con firmeza os intereses do sector agrogandeiro”, porque “non se pode abrir mercados sen blindar antes ao produtor galego”.
Ante o acordo entre a Unión Europea e Mercosur, Viso esixiu “garantías reais: que ningún produto que entre no país compita con vantaxe fronte aos nosos e que todos cumpran os mesmos requisitos sanitarios, ambientais e de trazabilidade que se lles esixen aos produtores galegos”. Ademais, considerou “fundamental que o acordo non se aplique de forma provisional mentres non estean blindadas as salvagardas para agricultores e gandeiros e que se reforcen os controis en fronteiras”.
“O acordo pode abrir oportunidades, pero só se Europa e España deixan claro que non se pode construír comercio internacional a costa de debilitar o noso sector primario nin de poñer en risco a viabilidade das explotacións familiares”, manifestou o portavoz popular.
Namentres, apuntou que “a Xunta está a traballar no cumprimento do seu compromiso cos gandeiros e agricultores, poñendo en marcha un observatorio de prezos que vixíe o mercado e unha estratexia clara de promoción e exportación dos produtos galegos, de cadea de distribución corta e de proximidade”.

