O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de
que o Consello aprobou o decreto que permitirá “que Galicia sexa pioneira en
España na regulación das microcredenciais” no ámbito da formación para o
emprego. O obxectivo é “adaptar a formación laboral ás necesidades reais do
tecido empresarial” optando por unha oferta “breve, flexible e incluso á
carta”.
A través deste decreto, Galicia contará por primeira
vez cun sistema oficial que permitirá ás empresas crear formación curta,
práctica e certificada segundo as súas necesidades reais, ao tempo que facilita
ás persoas traballadoras acreditar competencias específicas de forma áxil e
recoñecida, sen depender de itinerarios longos ou ríxidos. Este modelo
compleméntase co resto da oferta formativa, alíñase coas recomendacións da UE e
contribúe a mellorar a empregabilidade e reforzar a competitividade
empresarial. “Queremos acompañar ao tecido empresarial atendendo as necesidades
dun mercado laboral moi cambiante”, indicou o conselleiro de Emprego, Comercio
e Emigración, José González.
Definición e obxectivo das microcredenciais
A nivel técnico, as microcredenciais son
certificacións dixitais que acreditan coñecementos, competencias ou capacidades
adquiridas a través de experiencias de aprendizaxe breves, prácticas e
orientadas ao mercado. Inclúen sempre unha avaliación final e están deseñadas
coa participación directa dos sectores produtivos.
Por exemplo, unha microcredencial pode acreditar que
unha persoa domina un novo proceso dixital nunha empresa ou sabe empregar
ferramentas de análise de datos. Ou un clúster pode identificar unha necesidade
común e transformala nunha experiencia de aprendizaxe non formal, curta —de
entre 10 e 100 horas de duración, tal e como establece o decreto—, práctica e
con avaliación, cuxa superación dá lugar a unha certificación dixital
verificable que a persoa poderá incorporar ao seu currículo. É dicir, “o traballador
poderá certificar ese coñecemento cara outras empresas”, indicou o conselleiro,
quen remarcou que este sistema afonda na aposta da Xunta por promover “a
formación laboral continua e inclusiva”.
Un marco oficial con garantías
O decreto, que se publicará en vindeiros días no Diario
Oficial de Galicia e entrará en vigor un mes despois, crea e regula
—da man dos principais axentes do mercado laboral e cumprindo cun compromiso
electoral— o Marco galego de microcredenciais para o traballo. Este
establece as regras para deseñar, impartir, avaliar e certificar este tipo de
formación curta, garantindo a súa calidade, utilidade e recoñecemento. A través
deste marco, as microcredenciais contarán cun sistema público de calidade,
verificación e rastrexabilidade, o que facilitará o seu recoñecemento oficial e
reforzará a mobilidade profesional das persoas traballadoras.
A implantación será progresiva ao longo dos vindeiros
meses, apoiada no despregamento do sistema de calidade —que garantirá o
estándar común— e en novas ferramentas dixitais que permitirán consultar,
verificar e compartir as microcredenciais de forma sinxela, con fitos como a
conta persoal de formación, accesible en liña. Estes novos recursos estarán
vencellados a EMi, cuxa aplicación estará dispoñible este mesmo ano.
Na práctica, as microcredenciais amparadas por este
espazo terán unha duración curta, poderán impartirse de forma presencial, en
liña ou mixta e incluirán sempre a avaliación final. Toda a información se
publicará nun portal dixital común accesible para persoas e empresas,
facilitando a inscrición e o seguimento das certificacións obtidas.
Formación á medida das empresas
Este novo marco permitirá que empresas, clústeres,
asociacións profesionais ou colexios profesionais de calquera sector poidan,
unha vez acreditados segundo o recollido no decreto, crear formación específica
para as competencias que realmente necesitan, sen depender de catálogos
pechados ou centralizados. As futuras microcredenciais homologadas facilitarán
ás empresas reducir tempos de adaptación aos postos de traballo, procesos ou
novas tecnoloxías; mellorar os procesos de selección e promoción interna e
acelerar a incorporación de talento con competencias xa acreditadas.
Unha vía rápida para mellorar a empregabilidade
Para as persoas traballadoras —ocupadas ou
desempregadas—, as microcredenciais supoñen unha vía rápida para actualizar
competencias, adaptarse a cambios tecnolóxicos e mellorar as súas oportunidades
laborais sen ter que cursar formacións longas. Ao tratarse de certificacións
acumulables e compatibles, poderán incorporalas á súa conta formativa e
presentalas ante as empresas como acreditación oficial de competencias
específicas a través dun decreto co que Galicia dá un paso estratéxico e
reforza a súa posición á vangarda da formación para o emprego baseada en
competencias reais.
O conselleiro anunciou que unha vez aprobado este
decreto, ao longo deste ano 2026, vaise levar a cabo “un proxecto piloto de
microcredenciais en competencias dixitais especializadas”.
