O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión cunha delegación dos agricultores e gandeiros ourensáns que levan xa dúas semanas de mobilizacións, nun encontro no que se analizaron as principais preocupacións do sector primario, derivadas tanto do novo tratado co Mercosur e a futura Política Agraria Común que se está a negociar na Unión Europea.
Ao remate da reunión, á que tamén asistiron
deputados provinciais e persoal técnico, o presidente provincial detallou os
acordos alcanzados con agricultores e gandeiros e que abranguen a posta en
marcha de servizos e maila apertura de liñas de axuda que responden ás
necesidades expostas polos afectados.
En primeiro lugar, Luis Menor comprometeuse a poñer
en marcha un servizo de recollida de plásticos agrícolas para a súa correcta
xestión ambiental. Unha liña de traballo que non está nas competencias da Deputación,
polo que deberá presentarse ao pleno para a súa aprobación.
Entre os acordos alcanzados figura tamén a
habilitación, por parte da Deputación, de dúas liñas de axudas. A primeira
delas, xa neste ano, contribuirá a deseñar un plan piloto de recría de femias
en extensivo, co fin de axudar ao relevo das cabanas gandeiras. En segundo
lugar, elaborarase outro plan piloto, esta vez para impulsar o silvopastoreo
como medida para a prevención de incendios. Neste último aspecto falouse
ademais de apoiar con medios propios ou mediante achegas ao mantemento e
melloras de viarios para un mellor acceso ás parcelas.
Na reunión tamén se acordou iniciar un estudo para
coñecer a viabilidade da creación dun centro de recría de gando que axude a
solucionar o baleirado das explotacións e facilitar a apertura de novas
granxas. O presidente trasladou o apoio da institución provincial aos
produtores de leite e carne, subliñando que “a defensa do medio rural, dos
nosos agricultores e dos nosos gandeiros é unha prioridade absoluta”, amosando
neste sentido a súa comprensión pola inquietude existente ante a firma do
tratado Mercosur e o seu impacto sobre o sector.
Neste sentido, incidiu na necesidade de que
calquera acordo comercial garanta cláusulas de salvagarda que aseguren que
todos os produtos que entren no mercado español o fagan nas mesmas condicións
esixidas ás producións galegas, tanto en materia sanitaria como ambiental e de
benestar animal. “É imprescindible que se establezan mecanismos de control
eficaces para garantir unha competencia en igualdade de condicións”,
sinalou.
