Informa a Xunta de Galicia que acaban de rematar as
obras de urbanización da ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia
(Ourense), que incrementa un 40 por cento a súa superficie (en 117.418 m²) cun
total de 23 novas parcelas.
Informan na web que "unha vez que o Concello aprobe
agora a acta de recepción, tal e como xa lle solicitou Xestión do Solo de
Galicia-Xestur, dependente da Consellería de Economía e Industria, as parcelas
adquiren a condición de solar e os propietarios poderán solicitar a licencia
tanto de obra coma de actividade, segundo corresponda.
O investimento total da Xunta de
Galicia neste proxecto supera os 7,5 millóns de euros e resulta moi necesario
porque o actual polígono, con 90 parcelas xa ocupadas, non ten superficie
dispoñible para dar resposta á demanda actual que existe por parte das empresas
que xa operan na comarca da Limia ou as que están interesadas en instalarse
alí.
2,6 millóns de m² máis de
superficie industrial en Ourense
O Goberno galego ten en marcha
diversas actuacións que suporán incrementar en 2,6 millóns de m² a superficie
actual de solo empresarial na provincia de Ourense, de acordo coa estratexia de
impulsar solo industrial nas grandes áreas industriais, pero tamén naquelas
comarcas do interior para fomentar o reequilibrio territorial e frear o seu
despoboamento.
Neste senso, encóntranse
actualmente en tramitación a redacción dos Peose (Plan Estruturante de
Ordenación de Solo Empresarial) dos parques empresariais do Carballiño-Maside,
Paderne de Allariz e O Pereiro de Aguiar. Ademais, xa se licitaron as obras de ampliación
do Parque Empresarial de San Cibrao das Viñas".
