sábado, 15 de noviembre de 2025

A Xunta ratifica o compromiso coa ampliación do polígono industrial de San Cibrao das Viñas e apoiará a futura estación de mercadorías

 


Onte a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ratificou o compromiso da Xunta coa ampliación do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, que comporta un investimento de 17,8 millóns de euros para aumentar a superficie en máis de 340.000 m², coa previsión de que estea á disposición das empresas no ano 2028. 

Na súa intervención na clausura da Asemblea Xeral da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, Lorenzana tamén apuntou que a Xunta vai modificar o proxecto sectorial da Cidade do Transporte para ampliar a superficie e poder incorporar, así, os metros cadrados que serían necesarios para a construción da futura estación de mercadorías. 

“O polígono de San Cibrao conta cunha sólida base industrial de sectores diversos que aspira a seguir crecendo”, dixo, para remarcar que apoiar o futuro industrial de toda a comarca é algo fundamental, tamén, desde o punto de vista do equilibrio e a cohesión territorial. 

A conselleira asegurou que esta é “a lexislatura do solo industrial de Galicia”, posto que a Xunta está dando un forte impulso a aquelas áreas empresariais onde a demanda é maior, con figuras administrativas como as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais (Zapes) para aqueles casos en que é preciso crear chan industrial á medida.

Neste contexto, destacou que a provincia de Ourense é unha das provincias con máis superficie industrial en tramitación neste momento, con case tres millóns de metros cadrados.